A Tecnópole medra con empresas ligadas á innovación na Rede e á procura de enerxías limpas

mércores, 23 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Tecnópole medra, e non con iniciativas de negocio á marxe dos tempos que corren, senón ben inseridas nas demandas da nosa sociedade e co obxectivo de pór en xogo solucións para problemas e atrancos actuais de toda índole. Máis polo miúdo, trátase de empresas encamiñadas a achegar alternativas enerxéticas limpas, promoción das novas tecnoloxías do coñecemento ou investigación ao servizo de novos alimentos no mercado. Así o fixo saber hoxe o dito complexo produtivo ourensán, cuxo Consello de Administración acordou esta tarde a instalación de nove novas empresas, o que sitúa en 95 a cifra total de firmas que desenvolven o seu labor ao acubillo da devandita Tecnópole. Este acordo da ampliación foi unha das resolucións da derradeira xuntanza do máximo órgano de decisión da entidade situada en San Cibrao das Viñas, presidida polo director xeral de I+D, Ricardo Capilla.
No que respecta ás novas incorporacións e os seus emprazamentos, dicir que dúas das iniciativas (Climadaptación, orientada á investigación contra o cambio climático, e máis Biogalia, centrada na produción de novos alimentos) comezarán a súa andaina na Lanzadeira de Empresas de Biotecnoloxía (na imaxe).
Das outras sete firmas, cinco desenvolverán o seu labor na incubadora central (o edificio CEI), outra no edificio Tecnópole II (a empresa Unitono) e a restante unha parcela propia de seu. Polo que atinxe a Unitono Servicios Externalizados, dicir que se trata dunha iniciativa do Grupo Avanza, corporación especializada na promoción e na venda de servizos e produtos a distancia (a través das canles da comunicación) e que ten previsto dar traballo a 150 persoas no seo da Tecnópole.
Das cinco novas firmas que inician a súa andaina no CEI, un dos niños será ocupado por Intellectia Bank, creada para ofertar servizos científicos e tecnolóxicos; de análise e investigación industriais; e de deseño e desenvolvemento de equipos informáticos e de software, entre outros. Asemade, operará dende a mesma lanzadeira EsenRed, unha firma que, como o seu nome indica, vai estreitamente ligada ás redes e ao dixital, centrándose de xeito específico na asesoría, a consultoría e o deseño de proxectos no eido da Internet social, a que move á participación activa do usuario, que ademais ten unha importante responsabilidade na súa construción. O gran obxectivo de EsenRed é implantar os proxectos precisos para que as organizacións integren os cambios que estas novas ferramentas achegan sobre a súa cultura corporativa.
A empresa Jofeco Project Management S.L, é unha sociedade de prestación de servizos avanzados relacionados coa xerencia integrada de proxectos de construción e control de riscos no sector.
Pola súa banda, Acuasec S.L. traballará no desenvolvemento dun sistema central de tratamento de aire para eliminar os fungos en construcións e vivendas. O proxecto da empresa é crear unha máquina que recolla o aire san dende o exterior e o introduza seco no interior da vivenda e coa temperatura ideal en cada época do ano, deixándoa libre de polen, po e ácaros.
Vicente V. Agromayor S.L. é unha firma con experiencia no sector das TIC que se instala na Tecnópole para desenvolver un proxecto sobre aplicacións baseadas na tecnoloxía de identificación por radiofrecuencia (RFID).
As dúas empresas que se mudan desde o Viveiro da Cámara de Comercio de Ourense á incubadora da Tecnópole pertencen ao sector agroalimentario. Qualigal oferta consultoría de calidade, I+D, LOPD e seguridade alimentaria, mentres que Bioseguridad de Galicia se dedica ao asesoramento en materia de bioseguridade, concretamente no ámbito das explotacións gandeiras.

A prol das enerxías renovables

A busca de alternativas enerxéticas, máis limpas e sostibles, ao que arestora impera (os derivados do petróleo, causantes en boa medida dos problemas climáticos do mundo), é outro dos grandes eixes de actividade das novas incorporacións ao Parque Tecnolóxico de Galicia. Nesta liña é onde se insire Heatworth Technology, unha firma que segundo informa a Tecnópole disporá de nave industrial para investigar na posta en funcionamento de bombas de calor xeotérmicas de alta eficacia enerxética.
Asemade, Laddes Works, que comezou a súa andaina no complexo de San Cibrao no ano 2000 no ámbito da aeronáutica, terá acceso a outra parcela ao carón da que xa ocupa “para construír unha nova planta dedicada á fabricación de palas e á integración de máquinas de minieólica”, sinalan fontes da Tecnópole.

PUBLICIDADE