A Tecnópole asiste de balde ás súas empresas na implantación da factura electrónica

luns, 7 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

A tecnópole vén de poñer en funcionamento unha iniciativa piloto coa que asistirá de balde a cinco empresas situadas no seu recinto para a implantación da factura electrónica como modalidade de facturación propio.
O Parque Tecnolóxico de Galicia asegura que este sistema “permite aforrar ata 3,5 euros por factura entre o emisor e o receptor” e leva a cabo este proxecto no seu ánimo de liderar sistemas de xestión relacionados coas novas tecnoloxías.
A entidade galega, que xa se está a beneficiar das vantaxes desta modalidade de facturación, incribe esta iniciativa no marco da súa política de responsabilidade social corporativa polo impacto medioambiental positivo que supón o abandono da factura en papel e do seu envío por correo postal.
O devandito programa, denominado Tecnópole e-factura, consiste nun plan titorizado de implantación sen custo da factura electrónica en cinco empresas seleccionadas polo Parque. A implantación virá precedida dun programa formativo e dun estudo das necesidades específicas de cada empresa sobre o uso da e-factura e dos seus beneficios. En total, o proceso terá unha duración aproximada de 4 meses.
Durante a fase de formación, as empresas serán informadas sobre o proceso práctico de implantación da e-factura a través de casos prácticos, das súas vantaxes e requirimentos legais e dos conceptos relacionados, como a sinatura electrónica e os certificados dixitais. Posteriormente, farase unha diagnose de cada empresa para avaliar o seu soporte informático e a súa actividade concreta co fin de redeseñar os seus procesos de contabilidade e adaptar o seu sistema á facturación electrónica. Finalmente, realizarase unha investigación de mercado na que se identificarán os mellores provedores locais de tecnoloxía para a implantación da e-factura. Unha vez completada, farase un seguimento para garantir que se seguen os pasos axeitados.

PUBLICIDADE