A Rede de Dinamización Lingüística pechou o ano con máis de 700 actividades por toda Galicia

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.

A Rede de Dinamización Lingüística fixo reconto das actividades desenvolvidas dende o seu seo a prol do fomento do galego: máis de 700 accións que chegaron a 225 lugares diferentes e que puxeron o foco (principalmente) na nenez e na familia, así como na mocidade, e na transmisión do galego entre xeracións. Boa parte desta actividade da Rede, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, materializouse a través de programas como FalaRedes (que chegou por décimo ano consecutivo aos concellos e entidades adscritos) ou Nadal en Rede. Tanto FalaRedes como Nadal en Rede foron obxecto dun exhaustivo seguimento dende os seus respectivos sitios en liña.
Todos estes datos compartíronse na reunión anual do Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística, un encontro en liña no que participaron 57 representantes dos concellos e entidades membros e no que o secretario xeral Valentín García deu conta da memoria de actividades 2021.
Na xuntanza tamén se presentaron as liñas de traballo para 2022 que, segundo explicou o representante da Xunta de Galicia, “están centradas de novo na infancia e na mocidade, procurando espazos de lecer onde a lingua vehicular sexa o galego”. E engadiu: “O deporte é outro dos eixos fundamentais da nova programación, posto que é un dos contornos nos que a rapazada máis interactúa de xeito masivo”.
A posta en valor do galego como vehículo de comunicación e activo empresarial no ámbito da lusofonía, a presenza dos valores transversais como a igualdade ou a sensibilización contra a violencia de xénero, o enriquecemento e difusión da riqueza toponímica galega e a visibilidade do idioma e da cultura propias no Camiño de Santiago, dentro do marco do Xacobeo, son o resto de principios reitores que rexerán as actividades da Rede durante este ano.
O Consello de Membros tamén ratificou a entrada dun total de 25 concellos e entidades “froito do esforzo que cada día se fai para levar accións de dinamización a toda Galicia, o que chamou a atención de máis localidades que pediron a súa adhesión”, sinalou Valentín García.

PUBLICIDADE