A Plataforma Tecnolóxica Vindeira faise co Premio Especial da Asociación EGANET

martes, 15 de decembro do 2009 Raquel Noya

Os responsables da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET) xa están a contar as horas que restan para que dean as 19:30 horas de mañá mércores, 16 de decembro, cando darán a coñecer, no transcurso dunha gala presentada polo xornalista Fran Hermida, os gañadores da sexta edición dos seus premios.
Un total de 36 candidaturas compiten polos galardóns nas nove categorías, namentres que o xurado xa fixo público o Premio Especial da Asociación, que nesta sexta edición recae na Plataforma Tecnolóxica Vindeira, creada no 2006 que dende entón funciona como un punto de encontro e diálogo de todos os axentes relacionados co sector Tic.
O seu obxectivo é o de fomentar e producir sinerxías entre os axentes galegos interesados nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, para participar na planificación da investigación e o desenvolvemento na industria Tic de Galicia e posicionala como líder en sectores estratéxicos, algo que fai desta entidade unha digna merecedora do galardón.
Entre os proxectos finalistas nas nove categorías desta VI edición dos premios, elixidos de entre máis de 200 candidaturas, destacan a Universidade de Santiago de Compostela, pola Oficina de Software Libre da USC; o Centro Tecnolóxico Aimen, pola aplicación EDUSOS; a entidade Ir Indo, polo diccionario en liña Digalego e a empresa Tórculo, que opta ao Premio Mellor Ambiente Laboral.
Na categoría de E-Emprendedores, cabe destacar a candidatura da Navalla Suíza, unha entidade compostelá trasladada ao concello de Ames que este venres falará da súa experiencia coas TIC en Ourense.

PUBLICIDADE