A ONT e Vodafone presentan un sistema informático para axilizar os transplantes

xoves, 2 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Na cuestión dos transplantes de órganos, coma en calquera outra vinculada á atención médica, a redución dos tempos de resposta é fundamental. Métodos para acadar isto hai uns cantos, pero se cadra todos pasan arestora pola mesma vía: a das telecomunicacións e máis polo miúdo a da telefonía móbil con posibilidade de recibir correos electrónicos. Nesta liña insírese precisamente Carla, proxecto promovido de xeito conxunto pola ONT (Organización Nacional de Transplantes) e a Fundación Vodafone e que incorpora como grandes novidades perante outras iniciativas semellantes a posta en xogo dunha aplicación informática que posibilita o subministro e recepción, vía móbil, de todo tipo de datos sobre doantes de órganos en tempo real, co que se asegura o obxectivo do que falabamos ao comezo: a redución dos tempos.
A ferramenta foi presentada esta semana pola ministra de Sanidade, Trinidad Jiménez, quen aproveitou para facer un repaso polo miolo do sistema, un desenvolvemento que tamén se dirixe a facilitar na medida do posible o día a día dos profesionais sanitarios que interveñen nos transplantes, constituíndose como un acubillo dixital de datos ao que acudir en calquera intre e como un vehículo para a transmisión eficaz dos mesmos.
O sistema, que foi desenvolvido por Oesia (empresa de aplicacións tecnolóxicas), ten conexión directa coa base de datos central da ONT e cos teléfonos móbiles de tódolos profesionais que traballan ao seu abeiro, o que deixa marxe para incrementar o nivel de coordinación do traballo e para un fluxo constante dos datos dos doantes, rexistrados a través da devandita aplicación informática. Amais disto, o desenvolvemento permite verificar o grupo sanguíneo de quen achega un órgano (proceso fundamental), axiliza a procura do receptor axeitado, mellora a loxística e todo o relativo á mobilización dos equipos de extracción e favorece a presentación das informacións e as estatísticas. Este sistema, que xa está en funcionamento na sede central da ONT e máis nos seus centros autonómicos, integrarase a finais de ano nos restantes colaboradores hospitalarios.

PUBLICIDADE