A Noite Europea das Persoas Investigadoras chega á Coruña da man da UDC
luns, 22 de setembro do 2025
A Unidade de Divulgación Científica da UDC é a encargada de organizar, en colaboración co Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), a ampla programación da UDC de actividades encadradas na G-Night, a Noite Galega das persoas Investigadoras, que, no caso da UDC, terán lugar este venres 26 de setembro no Campus da Coruña, no Campus Industrial de Ferrol e en diversas localizacións destas dúas cidades.
As actividades terán horario de mañá e de tarde, e estarán dirixidas a escolares das distintas etapas educativas, pero tamén para o público en xeral.
Na cidade da Coruña, as actividades terán diferentes localizacións:
- Na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, situada en Riazor, mostraráselles a escolares o funcionamento dun buque a través dun simulador, no obradoiro ROVs, simuladores e máis: visita a ETS de náutica e máquinas!. Durante a xornada, os asistentes coñecerán o que son os ROVs, (vehículos operados remotamente) e o simulador da cámara de máquinas, onde se adestran os futuros oficiais para xestionar e manter en funcionamento os sistemas esenciais dun buque.
- Na DOMUS, ás 12.00 horas, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ofrecerá tres obradoiros para grupos de escolares: Enxeñaría e ciencias da saúde, A aventura do sono e A vida celular das enfermidades.
- No Campus de Elviña terán lugar diversas actividades:
• Visitas guiadas ao CITEEC de 12:00 a 13:30 horas e un roteiro específico no Laboratorio de Hidráulica ás 17:00 e ás 18:00 horas, onde as persoas visitantes poderán ver algún dos ensaios que realizan a través dunha visita ao túnel de vento, á dársena de portos e costas, e aos laboratorios de Hidráulica e Construción.
• Visitas guiadas ao CITIC, para escolares, de 10:00 ás 12:30 horas para coñecer exemplos de proxectos de Intelixencia Artificial, Realidade Virtual, Realidade Aumentada e robótica.
Xa en horario de tarde, de 18:00 a 21:00 horas, a G-Night contará con actividade en cinco localizacións diferentes da cidade:
- No MUNCYT achegaranse tres obradoiros: Como aplicamos as matemáticas, a física, a química e a bioloxía para avaliar a túa condición física?, con dúas quendas, ás 18:00 e ás 19:30 horas; As meteoconsultas... o mundo dos avisos meteorolóxicos!, ás 18:00 horas; e Investiga en ciencia e tecnoloxía!, ás 18:00 horas, no que aprenderán sobre a IA verde, bioinformática, circuítos electrónicos e sensores e poderán ter experiencias de Realidade Virtual.
- Na Dársena da Mariña (inmediacións da sede da Autoridade Portuaria), a partir das 18:00 horas, ofreceranse obradoiros dirixidos ao público familiar sobre como a investigación en química e bioloxía nos achega a conseguir un planeta máis sustentable e saudable para todas as especies; coñecer problemáticas de contaminación ambiental; observar no microscopio plancto e microorganismos; dar a coñecer ao público xeral distintos efectos do vento sobre as estruturas interactuar con diferentes máquinas de enxeñería; avaliar o estado dos xeonllos realizando probas sinxelas; dar a coñecer técnicas de separación na inmunoterapia.
Como novidade este ano haberá un haima de charlas divulgativas, a partir das 18:00 horas, dirixidas ao público adulto, sobre temáticas moi diversas: exercicio terapéutico en dor pelviano crónico; a conduta autolesiva non suicida; sensores e IA para coidar o medio ambiente; estudo sobre a dieta e a competencia entre os nosos peixes; o cambio climático e a súa relación coa nosa pegada ecolóxica e hídrica; algúns dos nesgos xerados pola IA; e solucións xeolóxicas sostibles para coidar do planeta.
- Ao mesmo tempo, no Árnica Bar, a partir das 18:00 horas, tamén haberá charlas dirixidas ao público adulto sobre: os músculos do solo pelviano; a investigación educativa na formación docente; os datos que se poden obter dos fósiles; o papel do océano como sumidoiro de carbono; o uso da IA na medicina personalizada e para combater a desinformación e a linguaxe abusiva en redes sociais; a concienciación sobre o patrimonio histórico e construción de madeira.
A participación en todas estas actividades é gratuíta e presencial. Toda a información detallada das actividades está na páxina web do evento, no código QR presente nos carteis e nas RRSS do mesmo.
Para a organización da G-Night, a UDC contou co apoio da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), ademais de persoal investigador que tamén pertence ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), o Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía e a Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Asociación Contra o Cancro, Asociación Veciñal de Canido (Ferrol) e os centros de investigación da UDC (CICA; CITEEC; CITENI; CITIC).
