A Mi Smart Band 5 incrementa o seu tamaño de pantalla até as 1,1 polgadas

xoves, 11 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi non só é líder na venda de smartphones en España, senón que tamén ten unha posición moi relevante no sector das pulseiras cuantificadoras como a Mi Smart Band 4, que para moitos usuarios resultan unha opción moito máis acaída que os smartwatches xa que teñen boa autonomía, rexistran o ritmo cardíaco e permite recibir as notificacións do móbil. Continuando na mesma liña lanzan agora a Mi Smart Band 5, que como principal cambio ten un incremento do tamaño de pantalla (sen agrandar o tamaño do dispositivo) de 0,95 a 1,1 polgadas, á vez que mellora moitas das súas prestacións.
A Mi Smart Band 5 pode empregarse en combinación con smartphones con Android e iOS, a súa pantalla AMOLED conta cun brillo de até 450 nits (o que facilita a súa lectura en exteriores), as súas correas están dispoñibles en 8 cores distintas e, para un maior nivel de personalización contan con centos de temas personalizados para a súa pantalla entre os que destacan os protagonizados por personaxes de series de animación como Evangelion, Bob Esponja ou Detective Conan.
Esta pulseira pode monitorizar o ritmo cardíaco as 24 horas, pode rexistrar o sono (prestación que mellorou en precisión un 40%), conta con función de predición de ciclo menstrual, detecta as situacións de estrés excesivo (recomendado o descanso e a relaxación nese momento) e estrea unha nova solución de carga, cun cable magnético que pode colocarse na parte traseira da Mi Smart Band 5 para achegarlle até 14 días de uso continuo.
A Mi Smart Band 5 sae á venda o vindeiro día 18 a un prezo de 189 iuans (23,50 euros) na súa versión básica, existindo tamén un modelo con NFC que custará 229 iuans (28,48 euros) e permitirá a realización de pagamentos sen contacto. Confíase en que en poucas semanas veremos esta pulseira en España, aínda que polo momento é unha incógnita se teremos oficialmente a versión con NFC (até o momento non se vendeu ningún dos modelos con NFC en España).

PUBLICIDADE