A LaconNetwork celebrará os seus 9 anos con dúas xornadas de actividades

martes, 5 de febreiro do 2019 Redacción

O encontro de profesionais do sector TIC galego LaconNetwork celebrará esta semana en PALEXCO o seu 9º aniversario, e nesta ocasión decidiron non deixar o evento nunha única xornada, e repartilo nun par de días para dar cabida a máis iniciativas, de xeito que o vindeiro xoves botará a andar cunha xornada de Demo Day, na que presentarán o Informe Startup City e presentaranse distintos proxectos. Esta xornada está organizada por HubIN e contará coa participación de ABANCA Innova, Connector Galicia, ViaGalicia, a Rede de Aceleradoras de Innovación da Xunta de Galicia, o Clúster TIC e BFA, e contará con fondos de investimento convidades (KFund, Indra Ventures, Acciona, Sabadell, CaixaBank, StartupExplore...).
Como novidade, nesta edición entregarase o premio 4YFN Community, que tras a valoración dun xurado composto por 5 investidores dará a oportunidade a unha startup de presentar o seu proxecto no 4YFN dentro da Mobile World Congress de Barcelona.
Esta xornada completarse coa gala de entrega dos Premios TIC Galicia, fusión dos premios do Clúster TIC e os da LaconNetwork, onde recoñecerase á mellor startup, a mellor campaña de marketing dixital e a mellor internacionalización, entre outras categorías.
O venres celebrarase o Congreso no que mesas de debate e relatorios abordarán temas como a innovación ou o investimento no ecosistema, permitindo a responsables de aceleradoras, empresarios recoñecidos e representantes de organismos relacionados coas TIC compartir as súas experiencias antes do desenvolvemento do xantar que fará de ponte cunha sesión de tarde que contará con pitches nos que representantes dos fondos e investidores buscarán convencer aos emprendedores sobre as vantaxes de aliarse con eles.

PUBLICIDADE