Os investigadores do CITIC (o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Paula Fraga e Tiago M. Fernández recibiron un accésit nos Premios da Iniciativa IEEE Blockchain España ao Mellor Artigo de Revisión 2020 polo seu artigo A Review on Blockchain Technologies for an Advanced and Cyber-Resilient Automotive Industry.
A contribución distinguida céntrase na industria da mobilidade e do motor, un tecido produtivo mergullado nunha fonda transformación, botando man de tecnoloxías intelixentes (como por exemplo a Internet das Cousas, IoT polas súas siglas en inglés), co obxectivo de acadar vehículos máis sustentables, seguros e intelixentes. O traballo dos investigadores do CITIC parte da base das posibilidades que abriría unha nova tecnoloxía en auxe, a cadea de bloques (blockchain) para dar o empurrón definitivo a este vieiro de transformación. De feito, sinalan, a cadea de bloques ten capacidade para arranxar os problemas operativos e de ciberseguridade que dan lugar, neste sector, a incidentes e cuantiosas perdas.
Así, o artigo ten como obxectivo proporcionar unha visión global sobre como blockchain pode transformar a industria da automoción para afrontar parte das súas retos actuais. De xeito específico, o artigo revisa os aspectos de seguridade máis relevantes involucrados nunha cadea de bloques, describindo os principais problemas e eivas de eficiencia da industria e detallando unha metodoloxía para determinar se a devandita tecnoloxía pode axudar a abordar tales problemas. Tamén identifica escenarios innovadores onde o sector do motor e da mobilidade tería capacidade para aproveitar as potencialidades do blockchain para mellorar a seguridade, reducir custos e aumentar a súa eficiencia operacional.
Finalmente, proporciónanse recomendacións para orientar aos futuros investigadores, desenvolvedores e directivos sobre algúns dos retos que deberán enfrontarse antes de aplicar a vindeira xeración de aplicacións blockchain para a automoción.
A IEE Blockchain España distingue dous investigadores do CITIC da Coruña
Compartir Este Artigo

