A Fundación María José Jove inaugura o que sería o primeiro museo 100% virtual de España
mércores, 24 de marzo do 2021
Este
24 de marzo abriu as súas portas, formalmente, o que sería o
primeiro museo cen por cen virtual do ámbito estatal. Fíxoo da man
da fundación galega María José Jove (FMJJ) e consiste nunha
plataforma virtual, dixital, interactiva e aberta para a arte, a
cultura e a investigación. O MUV
foi concibido ademais como un recurso para estreitar a relación
entre artistas e entidades culturais de todo o mundo. Deseñado polos
arquitectos Creus e Carrasco, o MUV emprázase nun lugar imaxinario
de Galicia, recollendo “o espírito da paisaxe e a identidade da
terra”.
O
MUV pode ser visitado como unha páxina web cunha visualización
dixital ou a través de Realidade Virtual (para o que son precisas
unhas lentes RV).
A
entidade ten na súa sede da Coruña un espazo físico de
visualización virtual e outro no espazo Normal da Universidade da
Coruña, coincidindo cunha primeira exposición.
O
MUV desenvólvese nunha contorna tridimensional e inmersiva xerado
por computador para “proporcionar un mundo simulado que facilita a
interactuación e a experimentación do usuario”, explican dende a
FMJJ, sinalando que un dos seus compoñentes fundamentais, o da
Realidade Virtual, aplícase en diferentes actividades (entre as que
se atopan a educación ou o medicamento) e de xeito progresivo,
“ofrecendo un campo infinito de posibilidades para os artistas, de
maneira que non só sexa un medio para dixitalizar a cultura senón
un medio en si mesmo para a creación”.
O
desenvolvemento foi realizado por Xoia Software Development S.L.
empresa galega dedica ao deseño, desenvolvemento e mantemento de
aplicacións baseadas tanto na tecnoloxía de Realidade Aumentada
como Realidade Virtual aplicándoas a todo tipo de plataformas, desde
smartphones a HTC Vive ou Hololens, en sectores como a
industria, a ciencia e a educación, a cultura ou o turismo.
O
MUV arrinca xa cun calendario de exposicións para este primeiro ano
que inclúe a Irene Kopelman, Katrin Niedermeier e Damián Ucieda.
Tamén
envorca esforzos nun “importante compoñente editorial”, que
incluirá publicacións, conversas e un arquivo dixital.
Asemade,
quérese que manteña vencellos directos cos proxectos asociados ás
bolsas, aos premios e ás residencias artísticas promovidas pola
Fundación María José Jove, así como coa Colección de Arte FMJJ,
contribuíndo ao apoio visualización dos traballos dos artistas
apoiados pola entidade.