A Fundación MUVI achega unha mostra virtual en 360 graos coas mulleres que están detrás dos videoxogos

mércores, 29 de setembro do 2021 S. P.

A Fundación MUVI (Museo do Videoxogo), con sede en Cangas, organizou unha exposición virtual de mulleres que “golpearon” a industria e son xa parte da historia dos videoxogos. Trátase dunha mostra en 360 graos que percorre as contribucións de profesionais e desenvolvedoras internacionais pero tamén galegas, é o caso de Luz Castro ou Sara Álvarez Cubelos. A exposición abre as súas portas (virtuais) este 1 de outubro, a través dunha páxina de seu. A iniciativa colleu corpo a xeito de actividade complementaria do seminario internacional Mulleres e videoxogos, a ambos lados da pantalla, impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres.
Unha mostra que é algo máis que unha mostra
Segundo informan os impulsores do MUVI (Jacobo e Galo Martínez), ao igual que na edición do pasado ano o obxectivo desta exposición non soamente se limita a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, “senón que busca, a través da súa formulación físico-virtual, explorar novas vías de eficacia á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas”. E engaden: “Navegando por ela, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar cunha experiencia profunda, con información audiovisual e ligazóns externas que convidan aos curiosos a afondar e perderse noutros lugares interesantes da mesma temática, trátase en definitiva dun resumo práctico, elegante e mantendo unha liña innovadora, que trata de poñer cara e contexto a algunhas das mulleres máis relevantes da industria a través dun percorrido cultural virtual, ambientado no único museo sobre videoxogos de Galicia”.
Contidos dunha iniciativa virtual
A exposición, engaden Jacobo e Galo Martínez, permitirá descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra das mulleres que fixeron posíbel a materialización desta industria e deste ámbito creativo, dende os comezos ata a actualidade, fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado.
Na visita virtual achegarase acceso íntegro aos espazos do museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra. Para a edición deste ano, desenvolverase unha ampliación totalmente nova que contará con dúas seccións adicadas especificamente, entre outras, a mulleres galegas e españolas, xunto con outras figuras femininas relevantes a nivel internacional. Inclúense as contribucións das devanditas Luz Castro e Sara Álvarez Cubelos, pero tamén de Tatiana Delgado, Mirella Díez, Liliana Laporte, Jade Raymond, Jane Jensen, Brie Code, Corrinne Yu, Rieko Kodama, Carol Shaw, Amy Hennig, Robin Hunicke, Aya Kyogoku, Kim Swift ou Rihanna Pratchett, entre outras.

PUBLICIDADE