A FIC celebra unha xornada de portas abertas para o seu futuro alumnado

martes, 23 de abril do 2019 Redacción

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña abrirá este 24 de abril as súas portas a todas as persoas interesadas en coñecer a oferta formativa do centro de cara ao próximo curso. A xornada de información e divulgación inclúe un completo programa de actividades para atender todas as cuestións que sexan propostas polas futuras e futuros estudantes, así como as súas familias. Os actos comezarán ás 18:00 horas coa presentación da oferta académica da Facultade de Informática.
Media hora máis tarde, desenvolverase unha mesa redonda na que se presentará o novo Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, coa participación dos profesores Amparo Alonso, Ramón Doallo e con representantes do sector empresarial, con Jesús Lage, de everis, e David Martínez, de Data Spartan. O debate estará moderado pola profesora Bertha Guijarro, investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC). Ás 19:30 habilitarse unha actividade específica para atender de forma personalizada todas as preguntas do futuro alumnado e das súas familias.

PUBLICIDADE