A Deputación de Pontevedra quere evitar con TIC Emprendes o despoboamento e a falta de expectativas económicas

luns, 13 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o servizo de formación para o programa TIC Emprendes, unha iniciativa de capacitación profesional e empresarial que estará dotada con máis de 700.000 euros (co-financiada ao 92% polo Fondo Social Europeo) e que ten o obxectivo de fornecer de tecnoloxías e recursos de emprendemento que eviten a fuga de xente nova do territorio.
A Deputación quere pór freo á reiterada perda de poboación que se rexistra en moitos lugares da provincia, un proceso que responde en parte “á falta de expectativas económicas”, segundo sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.
O programa TIC Emprendes está destinado a 390 persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, daqueles concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico.
Ademais, o programa ten como metas concretas que o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30% obteña un emprego e que o 80% permaneza no seu lugar de residencia. Ao abeiro deste proxecto desenvolveranse 26 accións formativas impartidas en torno a 11 itinerarios, que está previsto que comecen no mes de setembro. O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará quince días hábiles antes do comezo de cada acción formativa.

PUBLICIDADE