A Deputación de Pontevedra lanza unha iniciativa para asentar o sector turístico no eido dixital: TurisTIC

venres, 1 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra, amais de presentar as súas principais liñas de actuación tecnolóxico-dixital en Madrid, no marco do Congreso Cidades Intelixentes, deu a coñecer previamente (esta mesma semana e sen saírmos do ámbito dixital) unha iniciativa que busca impulsar a provincia en materia turística pola vía das novas ferramentas. Estamos a falar de TurisTIC, un proxecto que abrolla da rede de formación e asesoramento SmartPEME, que se encadra no Plan Estratéxico de Turismo da entidade que preside Carmela Silva, e que, en termos concretos, porá en xogo recursos concretos para que as empresas se adapten ás contornas dixitais de comunicación, promoción e xestión e poidan subir novos chanzos en materia de competitividade.
TurisTIC foi presentado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos deputados provinciais Santos Héctor e Javier Dios, e das asesoras e asesores de SmartPEME en toda a provincia.
No acto, Silva salientou que a provincia conta “con máis de 10.000 empresas dedicadas ao turismo o que representa, nin máis nin menos, que o 34 % do sector en Galicia”. Isto tradúcese no seguinte: o 13 % das empresas da provincia pertencen ao sector turístico, “un sector que xera moita actividade económica e emprego". Porén, son firmas (na súa maioría) de menos de 10 persoas, con recursos limitados, polo que non teñen a capacidade desexada para apostar de cheo polas novas tecnoloxías. Aí entra en xogo, precisamente, TurisTIC, sinalou Silva, cuxo obxectivo é “impulsar esta formación, xa que as novas tecnoloxías están a mudar a cadea de valor do sector; desde a comercialización ata o consumo son diferentes xa que cada vez máis acudimos ás redes sociais, e deixámonos influenciar á hora de seleccionar un destino, ou un hotel, ou un restaurante, unha praia ou actividade”. E isto, engadiu, “sen esquecer que cada vez máis mercamos billetes por Internet, reservamos aloxamentos online e pedimos experiencias personalizadas”.
TurisTIC abrangue tres grandes liñas de actuación: capacitación TIC, un centro de demostración e a aceleradora. A través da capacitación preténdese achegar información e asesoramento personalizado ás empresas en materia TIC nas oficinas de SmartPEME na provincia (incluíndo unha diagnose inicial sobre o grao de madurez tecnolóxica dos negocios e ofrecer produtos e solucións TIC personalizadas).
Ademais, a iniciativa vai apoiar as campañas turísticas estacionais mediante o emprego das TIC tendo en conta as festividades e eventos que teñen lugar na provincia ao longo do ano. Para isto “apostará pola formación e por un plan de mellora personalizado para cada empresa que así o desexe”. Tamén no marco da liña de actuación de capacitación TIC, organizarase unha xornada de turismo dixital, prevista para outubro no Castelo de Soutomaior, na que se van mostrar as novas tendencias, experiencias e vantaxes da aplicación das novas ferramentas no sector turístico. Neste eido, a presidenta adiantou que “está previsto que asistan á xornada responsábeis da empresa Minube e tamén de Seggitur e faremos entrega do I Premio Anual ás Mellores Iniciativas de Turismo Dixital”. Trátase dun galardón que ten por obxectivos promover a innovación e a calidade no sector recoñecendo diferentes categorías como a mellor idea de negocio, a mellor transformación dixital, a mellor campaña de promoción turística dixital e a mellor innovación tecnolóxica.
O segundo dos eixos da iniciativa é o centro de demostración, que pretende “servir de ponte e escaparate entre as empresas tecnolóxicas e as de turismo, dando a coñecer solucións tecnolóxicas e novas ferramentas TIC a través de demostracións e exposicións”. Máis polo miúdo, o centro de demostración centrarase en aspectos como a ciberseguridade, as aplicacións móbiles, a información a gran escala ou os medios de pago, etc. Pola súa banda, o terceiro dos eixos é a aceleradora, onde se van titorizar os proxectos máis destacados, así como acelerar as iniciativas emprendedoras innovadoras que desenvolvan tecnoloxías no sector turístico.

PUBLICIDADE