A Deputación de Lugo renova o seu apoio á CEL, o motor lucense da innovación empresarial

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo renovou a súa colaboración cunha das entidades galegas máis directamente envorcadas na innovación e no emprendemento: a Confederación de Empresarios de Lugo. O convenio foi asinado polo presidente José Tomé e máis polo secretario xeral da CEL, Jaime López. En virtude deste acordo, a entidade provincial achegará á confederación 60.000 euros, un relevante apoio para os gastos xerais de funcionamento da CEL, así como do seu persoal. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón tamén asistiu á formalización do convenio.
José Tomé puxo en valor esta colaboración da institución provincial coa CEL como exemplo de cooperación co tecido produtivo da provincia e sinalou que esta “ten que ser unha liña de traballo fundamental para as administracións públicas, especialmente neste momento en que é preciso que todos cooperemos dende as nosas respectivas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posíbel un panorama complexo”.
O presidente provincial tamén salientou o compromiso da confederación coa defensa dos intereses da provincia, cos empresarios que crean emprego, co desenvolvemento, coa investigación, coa innovación e con sectores como o agro, o comercio, a hostalería, o turismo ou a industria”.

PUBLICIDADE