A Deputación de Lugo levou a formación TIC a 700 traballadoras e traballadores dos concellos

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo formou en novas tecnoloxías transformadoras a 700 traballadores e traballadoras da administración local da provincia. O presidente da institución lucense José Tomé e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, entregou este venres, no Pazo de San Marcos, os diplomas acreditativos de participación da formación continua impulsada pola Deputación ao persoal municipal da provincia.
Foron 16 accións que se centraron nas áreas de administración electrónica urbanismo e medio ambiente, colectivos (policía local), xurídico-procedimental, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), transparencia e igualdade, entre outros
Tomé Roca subliñou que estes cursos responden á “aposta da Deputación pola formación dos empregados e empregadas públicos da nosa provincia, porque teñen unha responsabilidade moi importante. Son unha peza clave nas administracións públicas para garantir o bo funcionamento e a boa atención á cidadanía”.
Nesta liña, o mandatario provincial destacou que “con estes cursos de formación queremos que Deputación e concellos estean á vangarda nas ferramentas de traballo e nos coñecementos para poder ofrecer un servizo público áxil e eficiente aos veciños e veciñas da provincia”.
Os cursos inseríronse no Plan Agrupado de Formación Continua 2020 da Deputación.

PUBLICIDADE