A Deputación de Lugo impulsará na Rede o turismo científico nos Ancares e no Courel

luns, 6 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Exterior dunha das pallozas de Piornedo, nos Ancares

A Deputación de Lugo vai impulsar o turismo científico no territorio Ancares-Courel, un tipo de turismo que até de agora se concentra especialmente (sen saírnos da nosa xeografía) no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Para darlle este importante pulo á montaña lucense e aos seus importantes valores medioambientais, paisaxísticos, culturais e etnográficos, a entidade provincial porá en marcha, entre outras accións, unha páxina web e máis unha aplicación móbil. En termos totais, o plan para a creación do ecosistema integrado no territorio Ancares-Courel está dotado de 70.000 euros.
En palabra da Deputación, “trátase dun proxecto innovador que pretende aproveitar o grande potencial da montaña lucense a través dun turismo que vincula esta actividade coa conservación do medio natural e a ciencia”. Segundo lembra o Goberno provincial, o devandito territorio conta “cun dos maiores espazos naturais de Galicia e múltiples zonas de protección do medio natural”. Entre elas, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá; as zonas especiais de conservación ZEC Ancares-Courel e a Zona Especial de Protección para as Aves dos Ancares, ambas pertencentes á Rede Natura 2000; a Reserva Nacional de Caza e zona de Especial Protección do oso pardo e a declaración como Paraxe Pintoresco da Serra dos Ancares en Cervantes
Para acadar o distintivo Espazo Observer Turismo Científico, que en Galicia só ten o Parque das Illas Atlánticas, o territorio terá que pasar unha auditoría previa que valorará o seu potencial. Unha vez acadado o selo de calidade, aplicarase unha estratexia que contempla dez accións, entre as que se contan as iniciativas tecnolóxico-dixitais das que falamos ao comezo (a creación dunha páxina web específica, o desenvolvemento dunha aplicación móbil e dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo), a creación dun grupo de traballo cos axentes clave do territorio ou o establecemento de cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico.

PUBLICIDADE