A Deputación de Lugo celebra a súa primeira mesa de contratación vía telemática

mércores, 13 de maio do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo celebrou a primeira mesa de contratación da súa historia vía telemática, unha sesión que foi retransmitida por streaming na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais da institución provincial. O presidente José Tomé Roca salientou que “esta fórmula permite avanzar nos procesos de contratación de obras, servizos e subministracións públicos que vén de reactivar a Deputación ao abeiro da decisión do Goberno central de levantar a suspensión deste tipo de procedementos, e facelo con garantías sanitarias para os participantes e con total transparencia”.
A mesa de contratación celebrada este martes abordou dous expedientes. Por unha banda, a contratación do servizo de coordinación de seguridade e saúde das obras e servizos da Deputación de Lugo, a excepción das dependentes do Parque Móbil e Vías e Obras, que saíu a licitación por un importe de 57.630,76 euros e cunha duración dun ano, prorrogábel por outro, e, pola outra banda, o subministro de gasóleo tipo C para o funcionamento das instalacións térmicas dos diferentes centros da institución, que se licita por 45.980 euros por un ano, prorrogable por outro.

PUBLICIDADE