A Deputación de Lugo adxudica a dixitalización das 126.000 páxinas do BOP entre os anos 1834 e 1961

venres, 10 de decembro do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo adxudicou a dixitalización das 126.000 páxinas do BOP (Boletín Oficial da Provincia) entre os anos 1834 e 1961. Así o fixo saber a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen explicou que as tarefas foron adxudicadas a Vinfra S.A. por un importe de 33.388,74€. O material deberá ser entregado á institución provincial nun prazo máximo de 95 días naturais dende a sinatura do contrato.
“Damos un paso máis para aumentar a accesibilidade e salvagardar toda a información que recollen estes documentos, que conforman unha parte moi importante do patrimonio e da historia da nosa provincia, ao conter datos de interese xeral”, destacou García Porto.
Esta actuación, que se suma aos Boletíns xa dixitalizados dende o 2003, está co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

PUBLICIDADE