A Deputación da Coruña fortalece a web que permite dar conta ao detalle das infraestruturas da provincia

venres, 22 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Imaxinemos que desexamos saber cantos quilómetros de estradas ten o noso concello ou, tamén, cantas vivendas e parques infantís. Pois cousas como esta son as que permite a web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da Deputación da Coruña, unha ferramenta posta en marcha da UDC co obxectivo de achegar unha “completa radiografía” dos bens cos que contan os concellos da provincia. A páxina, de utilidade para deseñar políticas e plans de obras e investimentos por parte das administracións locais e provinciais, vén de ser obxecto dunha importante remodelación que afectou de cheo aos seus servizos: agora son máis e mellores. Por exemplo, ofrécese un repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais.
As novidades foron dadas a coñecer onte polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o profesor da UDC Carlos Nárdiz e dos técnicos do servizo provincial de Asistencia aos Concellos, Francisco Freire e Pedro González. No acto, o titular da entidade coruñesa dixo que a actualización (a sétima da enquisa xa), cataloga un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos.
Segundo se fixo saber, as innovacións presentadas onte, unidas ás precedentes, permitiron facer accesíbel toda a información a calquera cidadán a través da web EIEL. “Cun simple clic, unha chea de datos como os equipamentos culturais, deportivos, sanitarios e de lecer de cada municipio, a rede viaria, a subministración eléctrica, a recollida de residuos e plantas de tratamento, o abastecemento e saneamento de auga, as plantas de potabilización ou as depuradoras, entre outros elementos, son accesíbeis ás administración públicas e a calquera cidadán interesado”, informaron os representantes da Deputación e da UDC.
No plano de desenvolvemento técnico da EIEL, Carlos Nárdiz, Francisco Freire e Pedro González mostraron varios exemplos prácticos de datos recollidos na enquisa, como as distintas cualificacións do solo e plans urbanísticos de cada núcleo, así como os sistemas de saneamento e abastecemento de auga, que “inclúen un importante volume de información como os tipos de captación, os puntos de bombeo, lonxitude e diámetro da rede e anos de execución das obras”. Asemade, salientaron “a gran complexidade da elaboración da enquisa”, por mor sobre todo da importante dispersión xeográfica. Porén, recalcaron que a Deputación foi “a primeira de España en adaptar esta inxente base de datos a un sistema XIS de información xeográfica”, que fai máis doado e intuitivo o acceso á documentación, permitindo visualizar cada dato nun mapa. Asemade, salientaron que a Deputación da Coruña tamén estivo entre as primeiras institucións públicas en abrir unha web con datos cartográficos para o uso público.

PUBLICIDADE