A Deputación da Coruña blinda o apoio á contratación electrónica nos concellos

xoves, 4 de xuño do 2020 Sonia Pena

A Deputación da Coruña anunciou esta semana un novo impulso á práctica da contratación electrónica nos concellos, unha vía de tramitación que achega importantes vantaxes de seguridade, axilidade e rapidez para todas as partes implicadas. O anuncio coincide co reinicio dos procesos de licitación que ficaron suspendidos nos concellos da provincia coas medidas adoptadas pola chegada da COVID.
Segundo informa a entidade provincial, o fortalecemento apóiase nunha moi relevante participación previa das administracións locais: dende a entrada en vigor hai dous anos da nova Lei de contratos que esixe a licitación electrónica, os concellos da provincia realizaron máis de 2.600 operacións por importe de 504 millóns de euros
Para facilitar este labor, os municipios seguen contando co apoio da Deputación, que está a publicar na súa canle de YouTube novos audiovisuais formativos e guías para reforzar a capacitación dos funcionarios municipais, ademais de seguir proporcionando atención personalizada e sesións de formación en liña para resolver as dúbidas que xorden respecto aos procesos de contratación electrónica en calquera dos concellos da provincia.
Apoiando estes procesos está o asesoramento xurídico proporcionado pola Deputación e o soporte realizado por técnicos especializados, que mesmo se conectan por vía remota cos equipos municipais para axudar na resolución de dúbidas e que atenden unha media de 90 peticións de soporte mensuais.

PUBLICIDADE