A Deputación da Coruña axuda ás persoas usuarias da súa rede de coworking a tirar o máximo proveito do Instagram

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña anunciou este 7 de abril a convocatoria de dúas actividades formativas para impulsar a transformación e as habilidades tecnolóxicas das persoas autónomas e emprendedoras que tiran proveito da súa Rede de Espazos de Traballo Colaborativo (os centros de coworking de Boiro, Ames, Oleiros, Carballo, Brión, Moeche e A Capela). Trátase de dous cursos sobre como sacar o máximo partido da rede social Instagram.
Os cursos Instagram para emprendedores e Sales & Branding en Instagram desenvolveranse como dixemos nos distintos espazos de coworking da Rede coa Deputación da Coruña.
O primeiro dá comezo este 9 de abril. Serán 8 horas e tres xornadas (9, 12 e 13 de abril) para analizar as diferentes ferramentas que ofrece esta rede social, as normas de estilo para xerar contido orgánico, técnicas e recursos de mercadotecnia en perfís de empresa.
Polo que se refire a Sales & Branding, desenvolverase ao longo dos días 20, 21, 22, 23, 26, 27 e 29 de abril. Durante as 20 horas de duración as persoas emprendedoras que formen parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo descubrirán as claves para comunicar por Instagram e potenciar a marca do seu proxecto emprendedor nunha das redes sociais máis influentes.
Estes cursos buscan, en palabras da Deputación, “proporcionar unha formación exhaustiva e individualizada a todas as persoas usuarias de coworkings da Rede nunha das redes sociais clave no panorama actual como é Instagram”.
A formación será impartida por Silvia Vázquez Lorenzo, comunicadora, docente e consultora de nova mercadotecnia e comunicación. Licenciada en Xornalismo, actualmente é consultora de marketing, profesora universitaria no grao de Publicidade e Relacións Públicas e co-fundadora da axencia creativa Chewaca. Silvia conta con máis de vinte anos de experiencia, traballou como creativa publicitaria en campañas de comunicación interna e externa para marcas como o Banco de España, Alsa ou Apple e ademais dirixiu o departamento de marketing, atención ao cliente e vendas na multinacional Ikea.
Cun formato telepresencial, a formadora impartirá o curso en directo desde as instalacións do coworking do Pazo de Arenaza, mentres que as persoas asistentes participarán de xeito telemático. O número de participantes é limitado co fin de facilitar o asesoramento individualizado e seguimento de cada participante por parte da docente.

PUBLICIDADE