A Coruña reestrutura a súa web para poñela máis preto da cidadanía
venres, 24 de xaneiro do 2020
Se
houbese algunha barreira comunicativa entre a páxina web do Concello
da Coruña e a cidadanía, o Goberno local vén de facer un esforzo
por eliminala a través da fórmula do sinxelo, o intuitivo, o
participativo e o accesíbel. Así
se presentou esta semana a nova feitura de coruna.gal, cuxos
detalles foron
dados a coñecer polo concelleiro de Réxime Interior, José Manuel
Lage, quen mostrou a súa arela de lograr que ao final do mandato
a metade da cidadanía realice os seus trámites de maneira
telemática. Segundo engadiu, a nova web está concibida para ser
plenamente empregada dende os dispositivos móbiles, xa que, máis do
50% da cidadanía acceden á web a través do seu smarthpone.
O
obxectivo destas melloras, dixo, está en “mellorar os servizos que
se prestan en Internet a través dun único portal onde están
integradas todas as webs municipais”. Durante a presentación Lage
explicou que a páxina é unha segunda porta de entrada ao concello:
“Estamos ante un cambio de época que debe permitir á cidadanía,
no menor tempo, facer xestións e atopar a información que busca, e
ninguén debe ficar fóra”, dixo, recoñecendo que para acadar
estes obxectivos foi preciso poñer o foco na navegabilidade,
mellorándoa, e na estrutura da información. O que buscabamos,
explicou, “é suprimir todas as barreiras virtuais que se atopa a
cidadanía, remover atrancos e desigualdades a través da
tecnoloxía".
No
eido participativo lembrou que todas as páxinas levan un formulario
feedback a través do cal, a veciñanza poderá suxerir
melloras ou comunicar erros.
Polo
que se refire aos desafíos vindeiros, o Concello ampliou a marxe de
uso da sede electrónica sede.coruna.gob.es (EIDUS), da oficina
virtual tributaria, do sistema de presentación e consulta de avisos,
queixas e reclamacións e do portal de mobilidade, entre outras
actuacións.
Traballando
de maneira estreita coa cidadanía
Para
materializar a renovación da web fíxose unha investigación previa
e exhaustiva que incluíu enquisas á cidadanía e consultas a
persoas expertas e persoal municipal que serviron para “identificar
as necesidades reais”, así como as áreas de mellora da web. Deste
xeito, preto de 11.900 persoas reflectiron os seus intereses, as súas
opinións e demandas. Como resultado, fíxose un redeseño das
seccións máis requiridas, como o asistente de temas (cun índice da
información clasificada por temas para facilitar a procura da
información) ou a axenda de ocio (con todos os eventos unificados
nun mesmo espazo onde os usuarios e usuarias terán a oportunidade de
subscribirse para recibir no seu correo electrónico a axenda de
lecer da cidade).
O
concelleiro, a xeito de balance, recordou tamén que o portal web
municipal (33,21%) a web de información xuvenil (13,05) e a de
Servizos Sociais (6,01) son os sitios en liña locais máis
visitados. Amais, engadiu, os dispositivos móbiles e tabletas xa
superan aos computadores como medios de acceso á web e Chrome é o
navegador máis usado. Por outra banda, Lage engadiu que durante 2019
presentáronse 32.306 solicitudes telemáticas dun total de 107.307.