A Coruña lanza unha app de Realidade Aumentada para coñecer a súa historia a través de seis mulleres sobranceiras

luns, 5 de abril do 2021 S. P.

A semana pasada o Concello da Coruña presentou unha innovadora iniciativa para mostrar a rica e relevante historia da cidade ante veciñanza e visitantes, co importante engadido da óptica igualitaria e feminina. Trátase de A Coruña en feminino, unha proposta para re-coñecer a cidade da man de seis dos seus grandes referentes históricos. Inclúe unha ruta e unha aplicación móbil.
Foron dadas a coñecer pola concelleira Yoya Neira, que sinalou que a ferramenta “permitirá a recreación das seis mulleres referenciais en tamaño real grazas á tecnoloxía da Realidade Aumentada”.
O desenvolvemento e posta en marcha da aplicación encádrase nos actos conmemorativos polo 8M.
A concelleira explicou que se trata dunha forma sinxela e dinámica de mostrar o legado destas referentes que tiveron unha vinculación estreita coa Coruña. As seis localizaranse en diferentes puntos da cidade “nos que deixaron fondas pegadas” e todas están caracterizadas segundo a súa época.
A empresa encargada do desenvolvemento foi un dos grandes referentes galegos en materia de xogos, interactividade e Realidade Aumentada e Virtual: Xoia Software.
As mulleres unha por unha
Elvira Bao, nada en 1890, aparecerá en María Pita para contar da súa militancia no Partido Galeguista e como formou parte das Irmandades da Fala e mais presidiu a Agrupación Republicana Feminista, “polo que foi detida durante meses ao inicio da Guerra Civil".
Concepción Arenal saudará nos xardíns de Méndez Núñez. A escritora, visitadora de cárceres e precursora do traballo social, "tivo que se disfrazar de home" para acudir ás clases de Dereito en Madrid.
Fanny Garrido sairá ao paso na rúa Tabernas polo seu pasado como membro da Real Academia Galega. A que asinou libros baixo o pseudónimo de Eulalia de Liáns explicará o momento fundacional da Sociedade de Folclore Galego, que máis tarde presidiría Concepción Arenal.
Pola súa banda, Rosalía de Castro situarase aos pés do teatro que leva ao seu nome e María Barbeito colocarase xunto ao Eusebio da Garda, na praza de Pontevedra, como “defensora da educación obrigatoria, pública e gratuíta para acabar coas desigualdades”.
Para rematar, a recreación de Sofía Casanova a tamaño real en San Andrés relatará a súa experiencia ao se converter na primeira correspondente que saíu fóra de España a informar e tamén como enfermeira voluntaria.
A aplicación estará dispoñíbel de maneira gratuíta no Play Store (Android) e no Apple Store co nome A Coruña en feminino. A concelleira explicou que unha vez que se realiza o ingreso na ferramenta móbil, esta xeolocalizará ás persoas usuarias ás que lles amosará un mapa da Coruña cos puntos a visitaren, propoñendo rutas para chegaren a eles. Nesas localizacións, e cunha precisión de 25 metros, activarase a opción de executar a Realidade Aumentada e nas pantallas aparecerá a muller en cuestión, que comezará a súa locución.

PUBLICIDADE