A Coruña fai efectiva a súa candidatura para acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

luns, 7 de novembro do 2022 S. P.

Na mañá deste 7 de novembro A Coruña fixo efectiva e oficial a súa candidatura para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). O Concello presentou a documentación para optar ao organismo estatal logo de que o Nodo GalicIA elixise a cidade como a mellor candidatura galega tras analizar os requisitos solicitados polo Goberno central.
Como lembraremos, A Coruña foi a cidade mellor valorada polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, ademais de cumprir cos criterios de descentralización aplicados polo Estado e ser un referente nacional nas novas tecnoloxías.
O Concello ofertou como sede o edificio histórico A Terraza.
Dende o Consistorio lembran tamén que a cidade e a súa contorna aglutinan o 49,2 % das empresas galegas do sector, concentrando case o 60 % do volume de negocio no sector privado galego vencellado ás novas tecnoloxías. Ademais é o municipio con máis empresas TIC de Galicia, con máis de 5.000 empregos xerados e máis de 100 empresas que xa incorporan a Intelixencia Artificial nos seus produtos e servizos.
Entre os seus puntos fortes tamén se inclúe o feito de que a Universidade da Coruña conte co Grao en Intelixencia Artificial e coa primeira Facultade de Informática de Galicia na que se forman máis da metade dos estudantes de Enxeñaría Informática da comunidade. Por outra banda, ten a súa sede na Coruña o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, un dos grandes referentes estatais e europeos en materia de aplicacións da Intelixencia Artificial. A todo o devandito engádese o ambicioso proxecto para converter a antiga Fábrica de Armas en complexo tecnolóxico empresarial e investigador, a Cidade das TIC, arestora en pleno proceso de materialización.
Máis de 90 institucións, entidades e empresas achegaron o seu apoio á candidatura da cidade co obxectivo de defender ante o Goberno central a elección da Coruña como sede da AESIA. Entre elas atópanse empresas referentes como Inditex, Abanca, Altia, Telefónica ou Microsoft Ibérica. A candidatura presentouse en sociedade a pasada semana nun acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda ao que asistiron máis de 200 persoas entre os que estaban representantes do sector académico, científico e empresarial de toda Galicia.

PUBLICIDADE