A Coruña convértese en maio nun fervedoiro de quedadas e xornadas tecnolóxicas

venres, 4 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Coruña segue a facer comunidade arredor dos universos maker (faino ti mesmo), software libre e tecnoloxía colaborativa e social. En palabras do Concello e para ilustrar sobre o devandito, “a cidade ferve estes días de actividades técnicas e novos colectivos informáticos”. Sen ir máis lonxe, a primeira quincena de maio comeza na Coruña unha ampla gama de actividades que arrincou esta quinta feira cunha xuntanza da comunidade Coruña Agile en HUB Escola. Este sábado prosegue o fervedoiro de propostas e enxeños para compartir. Será no Centro Ágora, de 10.00 a 20.00 horas, e consiste nunha nova sesión de Coruña Hacks.
Segundo informan dende Coruña Dixital (a fronte común do Concello e os colectivos tecnolóxico-sociais da cidade), Coruña Hacks brinda quedadas regulares que se desenvolven desde o 3 de marzo, e, ao seu abeiro, estanse a desenvolver varios proxectos de aplicacións baseadas no software libre. Para saber máis e inscribirse, xa que se traballa en equipos abertos a novas incorporacións e ideas, podemos acceder ao seu meetup. Para quen non o saiba, Coruña Hacks, promovida por GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña, conta co apoio do Concello da Coruña a través de Coruña Dixital e do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática.
Para a tarde do 9 de maio está prevista unha nova sesión de GPUL Labs, que terá lugar no espazo Accede Papagaio (19h-22h), dependente da área de Emprego e Economía Social. Nesta ocasión o tema será Montando unha toolchain de Perl con Ansible e GNU stow. Para máis información, e para formalizar a inscrición, hai xa operativo outro meetup.
O 10 de maio proseguen as actividades, desta volta da man de Informáticos Anónimos, que celebra unha xuntanza na sede de Mogben (19:30-21:30) co obxectivo de xerar un espazo de coñecemento mutuo (quen somos, como traballamos). A xornada está aberta a todas as persoas que pertencen á industria do software. Igual que nos outros casos, está habilitado un meetup para información e inscricións.
E para quen queira seguir facendo comunidade e fronte común, na xornada do 11 de maio, a comunidade técnica CoruñaJUG organiza unha xuntanza que se desenvolverá no espazo Accede Papagaio (16:30-18:30) e que contará coa participación de Simon Rittler, en palabras dos organizadores da xornada “un Java Champion referente a nivel mundial”. A cita será sobre Technical Deep Dive into Java from Azul. Hai un meetup habilitado para este evento.

PUBLICIDADE