A Coruña achega medio cento de formacións gratuítas de dixitalización e emprego

luns, 25 de outubro do 2021 S. P.

O Concello da Coruña vén de activar un completo programa de formación en liña que vén con 2.000 prazas dispoñíbeis e 50 accións de formación e empregabilidade. O prazo para inscribirnos nas actividades, que teñen o nexo común de fomentar a nosa capacitación dixital (e trasladar ese coñecemento ás empresas), abriuse este luns 25.
A actividade vén da man da Concellería de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego que dirixe Jesús Celemín, quen comentou que os cursos son de balde e están orientados a facilitar a inserción laboral. En concreto, trátase dunha medida deseñada para persoas desempregadas, en situación de ERTE e profesionais. Os requisitos para realizar esta formación integramente en liña son ser maior de 16 anos e estar empadroado/a no Concello da Coruña.
Desde o Goberno de Inés Rey lembran que todas as accións formativas implican competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual. Estas estarán dispoñíbeis integramente en liña e accesíbeis na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día, calquera día da semana. "Trátase de facilitar o acceso á formación para todas as persoas que o precisen, con independencia da súa dispoñibilidade horaria", indicou o concelleiro, Jesús Celemín.
Cada persoa poderá seleccionar unha acción formativa de calquera das áreas de especialización: idiomas (inglés, francés e alemán en distintos niveis), Microsoft Office (Word, Excel, Access, Power Point, Outlook básicos e avanzados), comercio e mercadotecnia (comercio electrónico, venda online, atención en call center, satisfacción ao cliente, manipulación de alimentos), administración de empresas (seguridade informática, firma dixital, notificacións e rexistros electrónico, trámites online coa administración, comunicación, habilidades directivas...), informática (computación na nube, redes, maquetación dixital, impresión 3D, deseño gráfico, arcgis...) e prevención de riscos laborais (multisectorial, prevención da tensión laboral, prevención de riscos laborais en oficinas, no sector químico, emerxencias e evacuación...).
A información sobre esta formación en liña e as súas particularidades pódese consultar de forma detallada na web municipal.

PUBLICIDADE