A Comisión Europea pide a X/Twitter aclaracións sobre a redución de recursos para a moderación de contidos

mércores, 8 de maio do 2024 Marcus Fernández

O pasado mes de decembro a Comisión Europea iniciou accións contra X/Twitter por infrinxir a Lei de Servizos Dixitais (DSA), e semella que o procedemento está a avanzar a bo ritmo, pois veñen de pedir oficialmente información a X sobre os seus recursos e actividades sobre a moderación de contido, así como sobre a avaliación de riscos sobre a implementación de ferramentas de IA xenerativa dentro da UE.
En concreto a Comisión quere información detallada e documentación interna sobre os recursos de moderación de contido correspondentes ao informe de transparencia que tiveron que presentar no marco da DSA e que desvela que reduciu un 20% o seu equipo de moderación dende outubro de 2023 e reduciu a cobertura lingüística na Unión Europea de 11 a 7 idiomas. Tamén queren coñecer os detalles dos informes de riscos e as medidas de mitigación relativos ao uso de ferramentas de IA xenerativa no marco de procesos electorais, distribución de contido ilegal e protección de dereitos fundamentais.
X terá agora que responder en tempo e forma se non quere someterse a sancións económicas periódicas.

PUBLICIDADE