A Comisión Europea multa con 899 millóns a Microsoft por incumprir ordes

mércores, 27 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Segundo informa a Axencia EFE, a Comisión Europea vén de anunciar a imposición dunha multa de 899 millóns de euros a Microsoft por non ter cumprido coas obrigas que lle impuxo no pasado 2004, cando debía corrixir os abusos contra as regras de competencia que estaba a cometer.
Bruxelas considera que o xigante informático estadounidense cobrou prezos excesivos ós seus competidores por cederlles información esencial sobre os seus programas para fabricar produtos compatibles, algo polo que xa fora castigado cunha sanción de 497,2 millóns de euros hai 4 anos.
A comisaria europea de Competencia, Neelie Kroes, precisou que esta multa castiga o incumprimento entre marzo de 2004 e outubro de 2007, mes no que Microsoft comezou a cumprir de maneira axeitada o estipulado pola Comisión (concretamente o día 22).
Kroes asegura que “ó cargar ó longo de máis de tres anos prezos excesivos pola cesión de información esencial, a compañía estadounidense desincentivou a innovación no mercado de programas informáticos” co que, continúa, “a sanción é proporcional á gravidade e á duración das prácticas anticompetitivas”.
Microsoft, pola súa banda, afirma estar analizando a decisión da Comisión Europea aínda que considera que se trata “dunha primeira reacción que se debe a cuestións do pasado que xa foron resoltas”.
A semana pasada, Microsoft anunciou que compartirá algúns dos seus “maiores segredos” e permitirá o acceso de programadores independentes ós seus programas e produtos. Nunca é tarde se a intención é boa.

PUBLICIDADE