A Ciberirmandade da Fala advirte da deturpación dos topónimos galegos na web do Instituto Xeográfico Nacional

luns, 19 de marzo do 2007 Raquel Noya

“Y luego onde está la leira que te dejaron tus abuelos de la Viana del Bollo al morir?”. “Pues te está en el Otero, no sabes?, al llegar a la casa del Martino coges cara a la derecha y te está allí, al lado de tu leira, la Agra de Fuera”. Diálogos como o anterior son moi correntes nas parodias de diversos programas actuais de radio e televisión. A cotío, as traducións de topónimos galegos ó castelán ou recursos estilísticos propios do noso idioma trocados literalmente a outras linguas son recursos moi empregados para facer representacións humorísticas sinxelas (que só os galegos podemos gabarnos de entender). O que non se trata dunha parodia senón que constitúe a (triste) realidade é o que se ofrece na páxina do Instituto Xeográfico Nacional, este órgano do Ministerio de Fomento que emprega na súa face na Rede (aquela que o representa perante o mundo) barbarismos de tempos pasados como os seguintes: La Teijeira, El Bollo, Chandreja de Queija, La Bola, Castrelo del Valle, Jinzo de Limia, El Irijo, Junqueira de Ambía, Lobera, Villardevós, Germade, Jove, Otero del Rey, Piedrafita del Cebrero...
Está ben ser de La Coruña ou de El Ferrol pero, qué bonito ser de la Puebla del Caramiñal, de Sanjenjo, de Panjón, de Ribera, de Laje... ou incluso, como non, de Puertonuevo ou dunha infinita listaxe de vilas ás que se lles traduciu o nome “sen jeito” e sen sentir absolutamente ningún respecto pola lingua galega e polos galego falantes e habitantes destas localidades tan (como ben describen en Ciberirmandade.org) “grotescamente deturpados, ó esquecer o deber de respectar os nomes oficiais dos concellos galegos”.
Tendo en conta a importancia que a toponimia ten na elaboración de cartografía, os membros da Ciberirmandade da fala consideran “inaceptable que a páxina web dunha administración conteña practicamente tódolos topónimos de Galiza traducidos ó castelán”, polo que solicitan “a corrección inmediata da toponimia da páxina do IXN e que o Instituto Xeográfico Nacional faga unha versión seria en galego da súa páxina web”, a cal, por certo, ten a meirande parte dos seus contidos en castelán e os poucos que ten en galego están infestados de faltas de ortografía (dando exemplo, si señor).

PUBLICIDADE