A Cámara de Santiago móstranos como superar os desafíos da dixitalización nas nosas empresas

mércores, 13 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O experto en dixitalización Raúl Rebollo será o encargado de impartir o obradoiro

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizará o 19 de xuño unha xornada sobre as vantaxes, oportunidades e desafíos da dixitalización nas empresas, dirixida a empresarios, directivos, emprendedores, asesores de empresa, consultores ou, en palabras da entidade cameral, “calquera persoa interesada en coñecer o concepto de transformación tecnolóxica e a xestión do cambio no modelo de negocio”. Celebrarase de 19:00 a 21:00 horas no salón de actos da Cámara. A xornada, que será impartida polo consultor de estratexia dixital Raúl Rebollo, ten o obxectivo de achegar unha guía de conceptos, criterios e tendencias para afrontar o dito desafío das empresas asumindo metodoloxías innovadoras.
Amais, botarase luz sobre as novas oportunidades impulsadas polo proceso de dixitalización para “explorar novas formas de medre do negocio actual”.
Ao fío do devandito, Rebollo ensinará aos asistentes como pode impactar a transformación dixital na empresa, a través dunha metodoloxía baseada en valorar retos e iniciativas aos que se teñen que enfrontar co obxecto de seguir sendo competitivos e aumentar, pero nunca perder, a carteira de clientes. Asemade, explicará aos participantes como funcionan os negocios en liña e as distintas dimensións da transformación dixital, desde a relación co cliente ata os modelos de negocio. “O avance da tecnoloxía propicia a redución de custes e mellores na produtividade das persoas e departamentos”, sinala.
Ademais, o experto realizará unha consultoría rápida para comprobar a transformación dixital dunha asociación que ofrece servizos aos seus clientes, aplicando neste caso os conceptos á propia Cámara de Comercio.

PUBLICIDADE