A Cámara da Coruña e a Xunta teleformarán a preto de 1.000 comerciantes para avanzaren en transformación dixital

martes, 17 de outubro do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña e a Xunta poñerán en marcha a principios de novembro un novo programa de teleformación dirixido aos comercios da área coruñesa co obxectivo de actualizar e formar nas novas ferramentas e coñecementos aos profesionais do sector e facilitar a súa adaptación aos cambios.
Preto de 1.000 profesionais do sector poderán participar nesta proposta formativa, que contempla 26 cursos, e que está focalizada no fortalecemento das competencias transversais, habilidades, atención ao cliente, comercio electrónico, innovación e idiomas, entre outros temas. Ademais, profundarase no manexo e uso de novas canles para impulsar a comunicación e a proximidade cos clientes.
A formación estará estruturada en cinco grandes áreas: Emprendemento e Xestión Comercial; Transformación Dixital; Estratexia; Sustentabilidade e Punto de Venda.
Así, a formación inicial, que se executará en 2023, inclúe un curso sobre Emprendemento e Xestión Comercial e outro sobre Transformación Dixital. No primeiro semestre de 2024 celebrarase a formación continua, que incluirá cursos nas áreas de Estratexia, Punto de Venda e Sustentabilidade.
Para a Cámara da Coruña, a formación é “un eixo prioritario” que ofrece aos profesionais da súa demarcación. A entidade garante a cualificación dos seus cursos, sometidos a un control de calidade, no que intervén de forma determinante as valoracións e suxestións do alumnado. Máis información na páxina web www.camaracoruna.com, escribindo a formacion@camaracoruna.com ou ben chamando ao 981 21 60 72.

PUBLICIDADE