A Biblioteca Universitaria de Vigo ábrese cun blog á comunidade estudantil

venres, 28 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo está a dar conta estes días dun novo espazo virtual para o encontro entre os integrantes da comunidade estudantil. Máis polo miúdo, do que se trata desta volta é de favorecer a comunicación entre a biblioteca e os seus usuarios, tratando de complementar e enriquecer o trato que normalmente manteñen unha e outros de xeito presencial. O formato elixido para esta proposta, que en boa medida é como sacar a biblioteca universitaria cara á fóra, é sobradamente coñecido entre a mocidade: o dun blog. A fin de contas, esta feitura é segundo os responsables da iniciativa o máis semellante que pode achegar a Web a unha nova porta aberta habilitada na Biblioteca.
O caderno, chamado Blogdabiblio, xorde co obxectivo de informar polo miúdo de todo o que atinxe ó devandito recinto, e a súa posta marcha constitúe (segundo apunta a Universidade de Vigo) a subida dun novo chanzo no camiño da consolidación das novas tecnoloxías en todos os eidos universitarios, “feito que se reflicte tamén nas máis de 17.800 publicacións electrónicas das que dispón a Biblioteca Universitaria”.
Segundo informa o boletín informativo en liña da Universidade de Vigo, o propósito do blog é duplo. Por unha banda trátase de completar a información de oferta de recursos e servizos postos ó alcance da man da comunidade universitaria e dos que se daba conta até o de agora por medio da listaxe de avisos da web da Biblioteca.
O outro cometido ten máis que ver directamente coa Rede participativa, aquela que semella pór ó usuario en activo. Así, informa Gerardo Marraud, director da Biblioteca, do que se trata é de favorecer a achega de opinións e expectativas dos usuarios sobre o servizo que ofrece o dito recinto.

PUBLICIDADE