A Axencia SINC estrea novo deseño web

martes, 19 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A Axencia SINC, especializada en visualizar a través de Internet o máis salientábel da investigación estatal en materia de ciencia e tecnoloxía, vén de renovar a súa faciana en liña. O redeseño da web, estreado oficialmente esta semana, diríxese a facela aínda máis doada de empregar e, tamén, a acurtar o camiño que leva directamente ao lector. En palabras dos responsábeis do Servizo de Información e Novas Científicas, o obxectivo era facela máis “amigábel” para tódolos seus usuarios, xornalistas, institucións de I+D e, por suposto, público en xeral interesado pola divulgación científica.
Dende o punto de vista das funcións da páxina, dicir que seguen a ser as mesmas (quitarlle ferro á ciencia ao tempo que se subliñan as súas vantaxes para a sociedade), só que redistribuídas para un mellor uso.
Cómpre sinalar que a Axencia, a primeira das súas características (pública, de acceso libre baixo licenza Creative Commons e centrada exclusivamente no eido científico e tecnolóxico) no eido estatal, achega de xeito continuo informacións en múltiples faces e formatos sobre un variado número de cuestións: natureza, tecnoloxías, biomedicina e saúde, matemáticas, física e química, humanidades e arte, ciencias sociais e política.
A nova web, que seguirá a emprestar especial atención aos traballos de raizame española, fará fincapé en desenvolver e impulsar un camiño aberto dende hai tempo: complementar a súa achega comunicativa con múltiples feituras (textos, imaxes, vídeos) e afianzar as súas conexións directas coas redes sociais.

PUBLICIDADE