A Aula de Informática do Milladoiro formará á cidadanía nas vantaxes de Internet e na busca de emprego en liña

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Redacción

A Aula de Informática do Milladoiro (Ames) comeza ano con forza. Segundo vén de informar a dirección, este mes de xaneiro celebrarase un obradoiro sobre correo electrónico e, máis tarde, xa no mes de febreiro, desenvolverase un curso sobre procura de emprego a través das redes. A estas xeiras formativas cómpre engadir, en marzo, unhas xornadas para iniciar á cidadanía en Internet. O prazo de inscrición destes obradoiros, que son gratuítos, ficará aberto até que se cubran todas as prazas. Na páxina web do Concello de Ames (concellodeames.gal), no apartado de descargas, as persoas interesadas poderán obter as solicitudes de inscrición.
O primeiro dos obradoiros (o de correo electrónico) está previsto para os días 23, 24 e 25 deste mes. Está destinado a persoas maiores de 16 anos e contará con dúas quendas: unha de mañá, entre as 10:00h e as 11:30:h, e outra de tarde, entre as 18:00h e as 19:30 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. A actividade terá, no total, unha duración de 4,5 horas.
Polo que respecta á actividade formativa sobre busca de emprego na Rede para maiores de 16 anos, terá lugar entre os días 15 e 21 de febreiro na Aula de Informática, con dúas quendas. A de mañá será de 10:00h a 11:30 horas, mentres que a da tarde desenvolverase entre as 18:00h e as 19:30 horas. Este obradoiro impartirase os días 15, 19, 20 e 21 de febreiro, conformando en total 6 horas de formación. Existen 10 prazas dispoñíbeis por quenda.
En marzo, como dixemos, celebraranse unhas xornadas de iniciación á Internet para maiores de 18 anos, a desenvolver os días 12, 14, 19 e 21 de marzo. Haberá dúas quendas, no mesmo horario que o dos obradoiros, con 10 prazas cada unha. A duración completa desta formación completará as 6 horas.
O prazo de inscrición nestas actividades comezou este 9 de xaneiro e permanecerá aberto até que se cubran todas as prazas. Para inscribirse, as persoas interesadas poderán achegarse ata a Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a xoves, en horario de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 09:30h a 13:30 horas. Do mesmo xeito, tamén é posíbel facelo a través do enderezo de correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando cuberta e asinada a solicitude de inscrición.

PUBLICIDADE