A Arroutada Party chega á súa 17ª edición co obxectivo de reunir a un milleiro de internautas

venres, 1 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A Arroutada Party xa comeza a facer ruído, a pouco máis de un mes para o seu comezo. Como lembraremos, trátase dunha xuntanza pioneira non só na nosa terra, senón tamén no conxunto do Estado, xa que conta co privilexio de terse adiantado a moitos encontros en liña dos que hoxe enchen planas de xornais e recintos multitudinarios (estímase que foi a segunda en orde de aparición). O encontro, impulsado pola asociación AMIGA (Asociación da Mocidade Informática Galega), celebrarase no Coliseum da Coruña, onde se agarda dar cabida a arredor de 1.000 seareiras/os da informática. A nova edición, que é a decimosétima, vén con novidades, alén deste gran obxectivo de abranguer a máxima cantidade de xente. Por exemplo: un programa de actividades renovado e enriquecido cos novos xeitos de actuar nas redes participativas (campionatos de videoxogos, concursos, charlas e relatorios) e unha completa listaxe de recursos de lecer para todas aquelas persoas que se inscriban na party ou que simplemente se animen a visitala. A xuntanza, que este ano se celebra entre o 29 de outubro e o 1 de novembro, disporá dunha rede de área local de alta velocidade mediante a que se interconectarán os equipos dos participantes.
Asemade, contará cunha conexión de Internet de banda larga que permitirá compartir do mellor xeito posible experiencias e traballos que “de outro xeito”, informa a organización, “sería moito máis laborioso chegar a coñecer”. Entre os recursos postos en xogo para as persoas inscritas, cómpre dicir que o obxectivo é ir alén do puramente tecnolóxico, tendendo pontes cos métodos tradicionais de lecer e socialización, de aí que estea previsto habilitar unha ampla zona de esparcemento onde será posible xogar ao “máis analóxico”. Ou sexa, a propostas infalibles de lecer como as cartas ou o futbolín.
O escenario deste evento, como vén sendo habitual, será o Coliseum da Coruña, un espazo “ideal no que se celebran grandes eventos e que conta con tódalas comodidades propias para que os asistentes gocen plenamente da party”, informa AMIGA. Para poder afrontar este evento AMIGA conta co apoio de distintas institucións e empresas do ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación). Entre elas cómpre salientar as seguintes: o Concello de A Coruña, O IMCE -empresa municipal que xestiona o Coliseum-, a Universidade de A Coruña, a Facultade de Informática de A Coruña, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Microsoft, R, CISCO e CocaCola, entre outras.
No seu decimosétimo aniversario a asociación AMIGA agarda que, malia a crise, o público desta xuntanza siga a ser fiel á cita, tanto no territorio galego como os incondicionais doutras comunidades autónomas. “Pois é unha das poucas partys galegas que pode te-lo orgullo de contar con público de fóra de Galicia”, engade a organización.

PUBLICIDADE