A AXEGA e o CITIC unen forzas para tirar o mellor proveito das tecnoloxías na xestión das emerxencias

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

Membros da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación da Universidade da Coruña (CITIC) reuníronse na mañá deste 21 de setembro na sede deste centro no Campus de Elviña da UDC, co obxectivo de avanzar conxuntamente na análise de melloras tecnolóxicas concretas que se poidan implementar no ámbito da xestión de emerxencias, tanto no eido operativo, como no da comunicación.
No encontro participaron o xerente da AXEGA, Marcos Araujo; o Xefe de Área do CIAE-112 Galicia, Diego Núñez; o responsábel do Departamento de Informática do 112 Galicia, José Luís López; o técnico do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, José Antonio Argibay e persoal do Departamento de Estrutura do 112.
En representación da Universidade da Coruña UDC, acudiu a adxunta a transferencia, Sonia Zaragoza Fernández. Ademais, por parte CITIC da UDC, tomaron parte no encontro o director do CITIC, Manuel González Penedo e o técnico de Transferencia do centro de investigación, José Manuel Bustabad Alonso.
Entre as temáticas acordadas para avanzar nesta nova alianza entre institucións, destacaron as seguintes: o procesamento de linguaxe para un tratamento intelixente dos sinais de voz en chamadas de emerxencia ou a análise de noticias falsas (fake news) en prensa e redes sociais, en determinadas situacións de emerxencia.
Os equipos de traballo xa comunicaron que seguirán a manter reunións, nas vindeiras semanas, para profundar nestas e noutras temáticas que poidan axudar á implantación de novas tecnoloxías mediante esta unión estratéxica entre organismos.

PUBLICIDADE