A AMTEGA porá en marcha en abril un ciclo de webinarios sobre novas tendencias dixitais para profesionais

luns, 28 de marzo do 2022 Redacción

A AMTEGA iniciará en abril o novo programa de webinarios TransformaTech Sessions dirixido a profesionais, nos que se exploran diversas temáticas vinculadas ás novas tendencias dixitais, ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, como o Big Data, a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a ciberseguridade,
Estruturado en dúas categorías, Talento Xove e Profesional, o ciclo de webinarios agrupa unha trintena de sesións virtuais. Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade ao longo do ciclo vital da cidadanía.

Categoría Profesional, webinarios orientados aos novos perfís dixitais

Baixo a categoría Profesional, a partir do mes de abril desenvolveranse sesións virtuais do TransformaTech Sessions dirixidas a estudantes, titulados e profesionais STEAM, e a grupos mixtos de perfís científico-tecnolóxicos e non tecnolóxicos con interese en ampliar os seus coñecementos en materias relacionadas coas tecnoloxías disruptivas.
O obxectivo e favorecer a adaptación dos galegos e das galegas ás novas profesións vinculadas ás tendencias tecnolóxicas que requiren de talento especializado, ao tempo que se xeran espazos que fomentan a hibridación dos profesionais afíns a ramas de coñecemento tradicionais e dos vinculados ao ámbito dixital.

Talento Xove, webinarios dirixidos á infancia e a adolescencia

A principios de marzo xa se celebraron os primeiros webinarios da categoría Talento Xove, enfocados en estimular as vocacións nas profesións STEAM entre os máis novos e espertar o seu interese nos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
A través de sesións virtuais con contidos adaptados a este grupo de idade, o programa achega tendencias tecnolóxicas de vangarda ás aulas dos centros educativos de Bacharelato e Formación Profesional e a rapaces de até 16 anos, ofrecéndolles unha oportunidade de entrar en contacto coas novas tecnoloxías da man de profesionais expertos.

PUBLICIDADE