A AGGETT ultima os detalles do Congreso Internacional de Drons de Ourense

martes, 28 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT) é unha entidade bastante descoñecida para a sociedade galega que busca unir aos titulados galegos en enxeñarías técnicas de telecomunicacións e representar tamén ao COGITT/AEGITT na nosa terra, polo que quixemos transmitirlles algunhas preguntas sobre a súa actividade. Ademais, dáse a circunstancia de que estes días os seus integrantes están mergullados na organización da primeira entrega do Congreso Internacional de Drons (DIC Galicia 2017), que se vai celebrar entre o 31 de marzo e o 2 de abril no Pazo dos Deportes Paco Paz e en Expourense. Serán tres días para xuntar técnicos, empresarios e seareiros destas tecnoloxías, analizar os últimos avances no sector e amosar a manchea de aplicacións e oportunidades de emprendemento e emprego que atesouran estes sistemas. Falamos destes e outros asuntos con José Manuel Martínez Pérez, presidente da AGGETT.

-Dende cando existen a vosa entidade e que levou á súa creación?
-A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións oficialmente acaba de cumprir o seu segundo aniversario, fundouse en febreiro de 2015, nembargantes o espírito unificador do colectivo xa levaba moito tempo buscando a forma de presentarse en forma de institución e con reunións continuas coa Asociación Española de Graduados e Ingenieros Técnicos de Telecomunicaciones e co Colexio Oficial de Graduados e Ingenieros Técnicos de Telecomunicaciones que son os organismos que nos representan a nivel estatal. Máis importante que a data é o percorrido que levamos nestes dous anos e os resultados, dos que estamos moi satisfeitos, e as sensacións son moi boas. Seguiremos a traballar duramente na defensa da profesión e en contribuír ao prestixio social, laboral e científico dos graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións de Galicia.

-Entre as actividades que estades a organizar destaca o devandito Congreso Internacional de Drons en Ourense. Entendemos que ese encontro servirá para amosar ao público de xeito simultáneo moitas das competencias que ostentades dos enxeñeiros técnicos de Telecomunicación...
-Vexo que captaches a idea perfectamente. O que buscamos é amosar as institucións e a sociedade en xeral unha máis das nosas infinitas actividades, competencias ou traballos do día a día. Nin tratamos de esixir nada a ningunha institución, nin somos quen, nin é a nosa faceta; senón todo o contrario, o que buscamos é aportar os nosos coñecementos para a mellorar. A listaxe de áreas nas que está inmerso o graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións é case infinita. A sensorización dos barcos, coches ou avións non tripulados, dado que todos son drons. O tratamento de imaxes, as comunicacións deses sensores e a información que poden recoller, mesmo de transmitila a un sitio remoto e tratala en tempo real. Os telecos facemos os sensores, procesamos a información, transmitímola de forma segura e analizámola.
O Congreso DIC Galicia, ten dúas finalidades. A primeira, como perfectamente definías, trata de amosar ao público as nosas competencias, pero tamén de achegarlle os nosos resultados, o que se prevé que sexa o futuro inmediato. Que se acheguen á tecnoloxía e que non teñan medo, posto que estamos para solucionar problemas e facilitar o día a día, para iso propuxemos un congreso aberto, con entrada libre até completar aforo, e integrando unha xornada lúdica e de familia para que dende nenos e coas familias se acheguen a desfrutar das novas tecnoloxías, das telecomunicacións e neste caso dos drons.
Co Drones International Congress - DICGalicia, dende a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións tamén queremos atraer á mocidade e aos que están a buscar a súa profesión ou non saben que estudar, unha profesión con futuro, que non deixa de ser divertida e que saiban cal é o camiño que deben seguir para que sexan eles os vindeiros telecos, que despois dun breve camiño, saiban que serán capaces de facer proxectos como estes e seguro que mellores.
Somos consciente da relevancia que terá este congreso a nivel nacional e internacional, e iso fainos sentir orgullosos, pero é algo que debemos agradecer a todos os colaboradores e patrocinadores, especialmente ao Colegio Oficial de Graduados e Ingenieros Técnicos de Telecomunicaciones, á Xunta de Galicia, á Deputación Provincial de Ourense, á Axencia Galega de Innovación e á Universidade de Vigo, dado que se sumen a un proxecto como este cos ollos pechados, poñendo toda a “carne na grella”, convencidos e escoitando todas as necesidades, fai que todo sexa máis doado. Coa implicación, predisposición e a facilidade para emprender proxectos conxuntamente, fai que un evento así poida ser exitoso, e o mérito é de todos e cada un dos que o fai posíbel, e non só da AGGETT.

-Malia estarmos rodeados de tecnoloxías de telecomunicacións, dá a impresión de que os profesionais que as desenvolven e implantan son uns completos descoñecidos. Resulta tan complicado dar visibilidade ao voso colectivo?
-Casualmente, a figura do graduado ou enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións está presente no en máis do 80% da vida diaria de calquera persoa, empresa ou institución. Darlle visibilidade non é doado para o público xeral. Cando falas con amigos e coa familia, as veces fanche esa pregunta do millón: “Pero o teleco que fai?”. A resposta é doada: “Ti pensas que a televisión funciona por arte de maxia, o teléfono, Internet, a radio, e case que calquera cousa que te poidas imaxinar.”
Parece que todo funciona de por si, sen que ninguén actúe e traballe por detrás. Darlles visibilidade a eses profesionais é difícil, e considero que dende a AGGETT o estamos facendo moi ben, que a maiores de defender a profesión, os intereses dos profesionais e amparar as competencias e atribucións, tamén temos a responsabilidade de mostrar e poñer en valor a figura do graduado e do enxeñeiro técnico de Telecomunicacións, sobre todo dentro do territorio autonómico galego. Unha faceta que leva consigo unha grande responsabilidade, pero que concretamente en Galicia contamos cos profesionais mellor recoñecidos a nivel internacional, cos máis prestixiosos e cuns graduados e enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións dos mellor formados e acreditados, do que gran parte de “culpa” a ten a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. Todo isto xunto co traballo coas institucións facilita a nosa labor ao fronte da AGGETT.

-Por tradición asociábanse as telecomunicacións ás antenas de radio e televisión e ás redes de telefonía, pero nas últimas décadas o ámbito foi medrando até abordar un amplo abano de competencias. Cales serían as áreas nas que actualmente traballades nas que é máis difícil imaxinar que hai un enxeñeiro técnico de Telecomunicacións detrás?
-Como bo galego quero responder. En que área non traballa un graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicación? Nas últimas décadas a presencia do graduado/enxeñeiro técnico de Telecomunicacións está presente, antes dicía no 80%, pero atrévome a dicir que en máis do 95% do día a día de calquera (e subliño o de “calquera”) persoa, institución ou faceta diaria.
Recentemente estivemos reunidos co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. A presencia do graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicación xa está moi presente no sector agrícola, en sistemas de agricultura de precisión, e temos varios exemplos de compañeiros do sector traballando en Galicia. Pois a laranxa do zume das mañas fora regada, recollida ou clasificada por un sistema deseñado por un graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións guiado por un técnico agrícola. Así como a automatización do sistema de muxido das vacas de leite, o proceso de conservación e envasado tamén estea desenvolvido por un graduado ou enxeñeiro técnico de teleco.
No ámbito naval, en comunicacións, en radares, en comunicacións submarinas, e en emisoras de barcos de pesca. Mesmo, xa mirando para o próximo Congreso Internacional de Drons de Galicia, no ámbito da pesca, no que en Galicia somos referencia, xa se traballa en proxectos de barcos non tripulados que traian a pesca a porto. Neses proxectos hai varios compañeiros enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións. Tamén en sectores de deportes de elite, no seguimento de deportistas, a cronometraxe de regatas, o tratamento de imaxes no coñecido ollo de falcón no tenis, e sistemas similares en fútbol, remo, atletismo... No tratamento de sinais de radio, de redes de comunicacións, telemáticas e programación. En sistemas de insonorización e tratamento de sinais acústicas e do ruído.
Por exemplo, a revista Código Cero foi editada seguramente nun ordenador, que seguramente conta coa participación dun graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións. Ese ordenador está nunha rede da empresa. Que enviou a través da nube, a unha imprenta estas páxinas, que probablemente a través dun sistema automatizado (faceta que tamén fai un graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións), imprime a revista, e un repartidor coa súa PDA vai repartindo segundo lle indique un sistema de reparto. En todo este proceso están presentes os profesionais que representamos e defendemos, sempre e cando non a lea en formato dixital nunha tableta, móbil ou ordenador e descargado da Rede. Probablemente ese repartidor, nun futuro próximo sexa piloto de drons que o reparta a distancia, por que non?
Un dos meus últimos proxectos foi a automatización dunha fábrica de cervexa. A quen llo contes pode ter dúas reaccións, ou quérete contratar ou lle dá a risa. Un teleco “facendo cervexa” non deixa de ser algo rechamante. Tamén estamos nos bares, co cal dámoslle cobertura e supervisamos todo o proceso, que tamén é importante, non? Podería seguir durante horas, pero o que trato de facer entender é que pensemos en como se fan as cousas e no mundo de hoxe en día, que quede claro que a figura do graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións está presente en case a totalidade da nosa vida. Hoxe case todo se pode facer, e levar eses proxectos tecnolóxicos a realidade forman parte do día a día do graduado ou enxeñeiro técnico de Telecomunicacións, sexa no campo que sexa.

-Volvamos ao ámbito dos vehículos aéreos non tripulados. Nos últimos meses están a desenvolverse en Galicia numerosas iniciativas encamiñadas a avanzar no eido dos drons e mesmo hai quen apunta ao espazo. Estamos simplemente a explorar espazos de alta innovación buscando nichos nos que facer negocio ou xa está claro que a nosa comunidade pode chegar a ser unha potencia en industrias que até hai pouco nos resultaban totalmente alleas?
-Dende a AGGETT, témolo moi claro e podémolo demostrar facilmente a quen o demande. En Galicia, hai un gran potencial para levar a cabo proxectos que a veces tachamos de imposíbeis. Galicia é referente en novas tecnoloxías. As empresas tecnolóxicas galegas son pioneiras en proxectos innovadores e de novas tecnoloxías. Tanto as empresas como os enxeñeiros, concretamente os que están relacionados con nós, como son os graduados e enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións, están presentes nos proxectos de referencia a nivel mundial, ostentando os cargos de maior responsabilidade en centos de empresas e iniciativas innovadoras. Galicia é referente tecnolóxico, iso podémolo ter ben claro, e debería ser unha aliciente para seguir mellorando e seguir traballando da maneira que se está facendo.
Moi poucos son conscientes do potencial e do ben representados que estamos ao longo e ancho do planeta polos graduados e enxeñeiros técnicos de Telecomunicación galegos. En moitos encontros que temos ao longo do ámbito estatal e no estranxeiro (na corta vida da AGGETT e nas facetas profesionais anteriores), sempre atopas unha empresa tecnolóxica galega que traballa para un proxecto relacionado ou para unha empresa coñecida. No último encontro de nadal do COGITT, atopeime cunha multinacional estadounidense que contrataba os traballos tecnolóxicos a unha empresa de O Porriño e a outra de O Carballiño. Creo que é algo do que podemos estar orgullosos de iso.
Non obstante, é algo no que temos que traballar a fondo, dende a AGGETT, así como implicar ao resto de institucións coas que temos relación. Temos un traballo pendente moi importante, que é o de saber transmitir ao xeito estas iniciativas. Cómpre esforzarnos en amosar e difundir os traballos e proxectos innovadores que saen dende Galicia. Seguramente non sexamos os mellores a nivel mundial, pero tampouco os peores. Pero que quede ben claro que estamos entre os mellores e por iso debemos estar tranquilos e orgullosos, inda que iso non pode facer que nos relaxamos, dado que para seguir mellorando temos que implicarnos todos con máis esforzo.
“Un gran poder, leva consigo unha gran responsabilidade.” O poder seguramente non sexa moi grande, pero a responsabilidade que temos dende a AGGETT é enorme, e unha delas é dar a coñecer o que se fai aquí. Para iso, precisamos das institucións públicas, da prensa, da universidade e de todos e cada un dos que estades lendo isto. Temos que comezar a presumir do noso potencial, porque podemos facelo. Podemos facelo, porque o temos. As novas tecnoloxías galegas, os proxectos de telecomunicacións galegos son a envexa fora. Tal vez, precisemos poñelos máis en práctica na nosa comunidade, coa axuda de todos, para que o vexamos. Parece que se non o vemos, non o creemos.
Galicia soubo aproveitar a explosión tecnolóxica como ninguén. Recórdame moito ao cambio de modelo económico de Israel, que pasou de ser un país que baseaba a súa economía na exportación de laranxas, a ser recoñecido como o segundo ecosistema máis emprendedor do mundo. Pois aquí estase a traballar correctamente. O único que nos falta é transmitilo ben para que se nos recoñeza, porque tal vez non sexamos nós o primeiro ecosistema tecnolóxico máis importante a nivel mundial, pero estamos moi arriba.

-Tamén estamos a ver o contraste de que, canto máis presentes están os smartphones nas nosas vidas, menos relevantes resultan as súas novidades. O mesmo pode dicirse de moitas outras promesas como a domótica ou a Internet das Cousas, que aínda que teñen moito camiño por percorrer, parecen abocadas a ser tecnoloxías ubicuas. Estamos moi lonxe de ver como todo iso que algúns chaman novas tecnoloxías pasen a considerarse servizos universais como a auga corrente?
-Semella que eses tempos xa chegaron. Aquí, en Galicia, dada a nosa situación e disposición xeográfica, parece que tardamos un pouco máis en chegar a ese momento, pero creo que hoxe en día o planeta está conectado, mesmo Galicia. O que é un potencial brutal para adaptar o noso modelo económico e empresarial, dado que o capital humano e o potencial tecnolóxico galego é moi de destacar. O que podemos concluír que as telecomunicacións e as novas tecnoloxías xa son servizos universais. Hoxe ou tes as túas redes sociais, o teu televisor intelixente, o teu smartphone, o teu Internet, etc...

PUBLICIDADE