O Plan ÚNICO levará Internet de alta velocidade a 137.000 fogares e empresas do noso rural

luns, 31 de outubro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, debullou de maneira pormenorizada as cifras da segunda convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Larga, que vén con 52 millóns de euros para estender a fibra ultra rápida a máis de 137.000 fogares e empresas do rural galego. En concreto, dixo, evará internet de alta velocidade a 45.635 domicilios de Ourense, 36.556 da Coruña, 32.670 de Lugo e 22.316 de Pontevedra.
Amais, destinaranse 13.369.858 euros a facer chegar a fibra ultra rápida a 36.556 fogares e empresas da Coruña; 12.344.085 euros para conectar 32.670 vivendas e locais de Lugo; 18.391.322 euros para 45.635 unidades en Ourense; e 7.846.696 euros para 22.316 beneficiarios en Pontevedra. En Galicia resultaron beneficiarias da convocatoria provisional as empresas Vento Rede (Rede Aberta), para a provincia da Coruña; e Adamo Telecom, para Lugo, Ourense e Pontevedra.
En total, esta segunda convocatoria do Programa ÚNICO-Banda larga levará a conectividad ultra rápida a 728.534 novos fogares e empresas de todo o territorio e contará cun investimento global de 244,6 millóns de euros (o 95% do orzado) para financiar 50 proxectos dos 159 avaliados, dando continuidade así á convocatoria de 2021, dotada con 250 millóns de euros.
Con esta nova liña de axudas, financiada cos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, mobilizarase un investimento público-privado de 388,2 millóns de euros, que se suman aos 1.120 millóns mobilizados desde 2018. “Estes investimentos”, sinalou Miñones, “permitiron levar conexións de banda larga ultra rápida a máis de catro millóns de fogares e empresas ata 2021”.
O delegado engadiu que no caso de Galicia, “coma na maior parte do territorio estatal”, os fogares e empresas beneficiados atópanse nas chamadas zonas brancas, que son aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos.
Cobertura do 100%
Miñones explicou tamén que o programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) está a canalizar os principais investimentos do Plan de Recuperación para a transformación dixital de España no ámbito da conectividade dixital. “En concreto, ÚNICO - Banda larga diríxese a alcanzar unha taxa de cobertura de moi altas capacidades do 100% da poboación española en 2025”, apuntou, engadindo que unha vez que estean executados os proxectos beneficiarios do programa xa postos en marcha, a taxa de cobertura alcanzará o 95%, “en liña coa conectividade universal fixada para 2025”.

PUBLICIDADE