171 equipos participaron na competición de robots da UVigo

venres, 26 de abril do 2019 Redacción

A nova edición, a quinta, da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, foi alén das expectativas. Ao longo desta mañá, un milleiro estudantes de ESO, Bacharelato, FP e Universidade de toda Galicia medíronse nun concurso que ten como obxectivo pular a creatividade en robótica e programación, amais de fomentar o interese polas disciplinas STEAM entre a xente nova. Divididos nas categorías Wall-e (ESO e Bacharelato) e R2D2 (FP e graos), os 171 equipos inscritos foron amosando as características dos seus salientábeis e imaxinativos enxeños.
O evento vén da man da Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo. O concurso, nun plano máis concreto, busca promover as titulacións da escola e impulsar a vocación tecnolóxica da mocidade, a autoaprendizaxe no deseño, a construción e a programación de robots autónomos.
Os 171 equipos, ao longo da xornada, tiveron que enfrontarse a probas de rastrexo, obstáculos, percorrido dun labirinto, seguir liñas ou unha loita de sumo. Tras varias eliminatorias, a mediodía coñecíanse os equipos gañadores. Na modalidade Wall-E entregáronse tres galardóns: na categoría de 1º e 2º da ESO, o primeiro premio foi para o equipo Furoca 2 do IES Pastoriza; na de 3º e 4º da ESO para Lagarto 2, do IES A Pastoriza e na categoría de 1º e 2º de Bacharelato a distinción foi para e equipo Eleven Anclas, do IES Manuel García Barros, de A Estrada.
Na modalidade R2D2 o primeiro premio foi para equipo Oprobots do IES de Teis-Colegio Hogar Afundación Politécnico de Vigo. A organización entregou tamén dous premios á orixinalidade que foron para o IES 1 O Carballiño e para Melanaluquia, do IES Lama das Quendas, de Chantada.
Todas as prazas cubertas e centros das catro provincias
Na categoría Wall-e cubríronse as 156 prazas ofertadas cun total de 98 equipos de estudantes de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e outros 58 equipos de estudantes de 1º e 2º Bacharelato. Na categoría R2D2, dirixida a estudantes de FP e titulacións universitarias, tamén se cubriron as 15 prazas ofertadas.

PUBLICIDADE