140.000 persoas ofrecéronse a esnaquizar o seu smartphone para facerse cun OnePlus One

venres, 2 de maio do 2014 Marcus Fernández

A chegada ao mercado do prometedor OnePlus One, smartphone que impresiona cunhas prestacións de alta gama a un prezo asumible, vén precedida por unha promoción a través dos que 100 afortunados poderán optar polo novo terminal polo prezo de 1 dólar, tendo a cambio que estragar o seu smartphone actual (dunha selección de móbiles de alta gama), proposta que pode parecer unha tolería, pero que curiosamente sumou máis de 140.000 aspirantes, dos que 100 recibirán un correo electrónico durante a xornada de mañá para informalos de que foron escollidos para participar desta campaña que permitiralles conseguir un OnePlus One antes de que saia á venda.
As propostas para esnaquizar os terminais móbiles foron moi variadas e orixinais, con persoas que propoñen xogar ao tenis co móbil como pelota, que pretende destruír o smartphone cunha pistola caseira de patacas, que introducirán o terminal en nitróxeno líquido para despois rematar de facelo faragullas cunha trade, que lanzarán shurikens sobre o smartphone (entendemos que tras adestrar coa última aplicación de Axóuxere Games) ou que pretenden lanzar (sen retorno) o móbil aos espazo.
En vista de que escangallar un smartphone de alta gama é algo que non foi visto por boa parte do público, dende OnePlus aseguran que aos 100 elixidos permitiranlles elixir entre destruír o terminal mediante o método prometido ou doalo a Medic Mobile, iniciativa sen arela de lucro que recicla vellos móbiles para o seu uso por traballadores da saúde en áreas remotas do mundo.


Vídeo da campaña na que instan a destruír un smartphone a cambio dun OnePlus One

PUBLICIDADE