11 Concellos de Lugo tiran proveito xa das vantaxes da eAdministración

xoves, 3 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Falar de administración electrónica é falar de progreso, de vantaxes, de recursos, de estar ao día na implantación das TIC, e sobre todo, de ofrecer servizos de calidade á cidadanía.
Isto que hai uns anos era case que unha utopía para a meirande parte dos concellos galegos (que nin sequera tiñan acceso á Rede) xa é unha realidade en once concellos da provincia de Lugo, onde grazas ao programa tecnolóxico Innova-TE puideron implantar este servizo virtual.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, foi o encargado de presentar a posta en marcha da eAdministración no primeiro grupo dos 51 municipios adheridos ao devandito programa, que entre outras couas, permitirá unha relación máis fluída coa cidadanía, e un aforro considerable de tempo e cartos.
Ademais de Chantada, onde tivo lugar a presentación, a eAdministración comezou hoxe a funcionar en: Becerreá, Burela, Portomarín, Sober, A Pastoriza, Abadín, Foz, A Pobra do Brollón, Sarria e Vilalba, “municipios de diferentes cores políticas, o que dá conta do carácter integrador deste programa”, subliñou Besteiro.
Polo de agora, a cidadanía destas entidade locais pode realizar un total 30 trámites online botando man de Internet, como darse de alta no servizo de subministro de auga e sumidoiros, facer unha reserva de cita para voda civil no Concello ou inscribirse no rexistro de parellas de feito, anotarse nunha bolsa de traballo, apuntarse en eventos, solicitar a inscrición no padrón municipal, facer avisos, queixas e suxerencias ou mesmo realizar diversos tipos de consulta, como, por exemplo, do censo electoral, ordenanzas, bandos ou actas plenarias, entre outras.
Porén nas vindeiras semanas, a Deputación porá en marcha a Administración Electrónica nos restantes 40 concellos incluídos no programa Innova-TE e activará de forma progresiva o resto de procedementos administrativos ata chegar aos 80 previstos coas entidades locais no programa da Deputación.
Para activar a eAdministración, os concellos tiveron que dotarse previamente de sede electrónica, aprobando a correspondente ordenanza (que lles facilitou a Deputación), co obxectivo de dar validez legal aos trámites que os cidadáns poden realizar por vía telemática. Segundo achegan dende a entidade pública, “os procedementos a través da Rede son totalmente seguros e a información do organismo provincial e dos municipios está aloxada no Centro de Procesamento de Datos, construído na planta baixa da Deputación e controlado informaticamente 24 horas para evitar ataques informáticos”.
Porén a implantación da administración electrónica non ten moito sentido se as webs corporativas non funcionan correctamente ou non son o suficientemente funcionais, xa que logo, ademais de poñer a disposición dos veciños a posibilidade de facer trámites vía Internet, o programa Innova-TE permítelle aos Concellos adheridos renovar a súa páxina web, mellorando a súa accesibilidade e facendo que a navegación resulte máis doada e intuitiva para o usuario. Dentro deste primeiro grupo de 11 municipios nos que entrou en funcionamento a eAdministración, 7 deles estrearon hoxe tamén portal: Chantada, A Pastoriza, Becerreá, Burela, A Pobra do Brollón, Portomarín e Sober.

PUBLICIDADE