Pecha a cadea de tendas norteamericana Circuit City

luns, 19 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A crise económica está moito máis presente nos EE.UU. que en Europa, e o sector da electrónica de consumo non se salva, polo que a segunda cadea de tendas do sector máis importante de Norteamérica, Circuit City, pecha os seus 567 establecementos e prescinde de máis de 30.000 empregados por non poder afrontar o pagamento das súas débedas duns 2.000 millóns de dólares.
En novembro xa pecharan 155 tendas para reducir o seu gasto e intentar atopar un comprador que asumise a situación financeira da compañía, pero non parece que existan compradores interesados ante a conxuntura económica actual, de aí que na actualidade as tendas están nun proceso de liquidación e transformaron a súa páxina web nun espazo no que informan sobre a situación da empresa.

Na Internet non son poucos os consumidores que avisan que gangas coma o xogo Guitar Hero: Aerosmith para Xbox 360 e PS3 por 39,99 dólares solto e 47,99 dólares cunha guitarra sen fíos, pero hai que avisar que boa parte das liquidacións non supoñen un aforro tan importante como se poida pensar, e xa hai táboas nas que se confirma que os descontos do 10 e o 20% que teñen moitos produtos pódense igualar e mesmo mellorar grazas a comparadores de prezos vía web. Tamén está o detalle de que os produtos se venden como están, de xeito que de chegar á casa cun televisor avariado deberá ser o propio consumidor o que reclame a garantía do fabricante, non aceptando a tenda a devolución, o que é un risco bastante elevado.

A web de Circuit City mudou de tenda electrónica a fonte de información sobre a situación financeira da compañía

PUBLICIDADE