Practicopedia, o portal de consellos e trucos para a vida diaria de Dixired

mércores, 5 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A creación de Dixired coma un novo grupo de comunicación puramente dixital que conta cun investimento de preto dos 40 millóns de euros creou moita expectación no seu día, pero ata o momento só contaba como cabeza visible o blog 233grados.com, que podería ser considerado coma o barómetro dixital do sector xornalístico (case un cronista da crise que está a vivir a prensa en todo o mundo), coñecéndose agora unha das iniciativas que nacen deste grupo, Practicopedia, que vén a ser un portal de artigos con explicacións sobre aspectos da vida cotiá (indo dende trucos de cociña ata consellos legais) nos que destaca unha sección con vídeos na mesma liña, que poden resultar de grande utilidade e están abertos á súa incrustación noutras webs (empregando o reprodutor de vídeo desenvolvido pola barcelonesa Flumotion, que tamén vimos hai pouco en Antena3videos.com).
O portal estaría aberto á colaboración de calquera usuario que queira gañar cartos coas súas producións de texto ou vídeo, para o que se emprega a tecnoloxía de Google Adsense, aínda que non parece que vaia a ser unha fonte de ingresos importante para alguén, pois polo momento o número de visitas dos artigos nesta web é moi modesto (e non vimos ningún anuncio nos mesmos).


Vídeo da Practicopedia no que explican cómo dobrar correctamente unha camisa

PUBLICIDADE