YouTube estrea a Vista Teatro nunha serie de vídeos de proba
martes, 7 de outubro do 2008
- A Vista Teatro se completa co efecto Luces Apagadas permitindo unha mellor visualización de vídeos en YouTube, coma o discurso de Steve Jobs hai 3 anos na Universidade de Stanford
YouTube
quere mellorar a experiencia de visualización dos seus vídeos, e está a probar
un par de efectos que polo momento só se poden ver nuns
poucos vídeos da serie Authors@Google, das universidades de Stanford
e Carnegie Mellon e dos estudos cinematográficos Vancouver. Falamos da Vista
Teatro (que debería chamarse Vista Cine), que recoloca os bloques de YouTube para permitir un
maior espazo horizontal, de xeito que o faría apto para contidos panorámicos (aínda
que nos vídeos de proba aparecen bandas negras laterais, pois corresponden a gravacións
en formato 4:3), e da opción de Luces
Apagadas, que complementa ao modo de visualización anterior escurecendo a
interface de YouTube para dar prioridade ao vídeo en reprodución.
Este novo xeito de ver vídeos en YouTube podería
preceder a un reprodutor de vídeos panorámicos en alta calidade, o
que en boa medida serviría para unha reprodución agradable sen ter que optar
polo modo de pantalla completa (que normalmente acusa en exceso a pouca
calidade dos contidos en YouTube).
Agora que dende a propia web de YouTube é posible subir vídeos de ata 1 Gb de
tamaño (o que para un máximo de 10 minutos de duración supón unha calidade moi
elevada) enténdese que vaian adaptando o seu servizo a vídeos de alta calidade
(pois os competidores ao portal de vídeos de Google normalmente xa achegan unhas
resolucións de vídeo máis elevadas).