Empresas da nosa terra participarán no Congreso Español de TDT en Málaga

luns, 7 de abril do 2008 Raquel Noya

Directivos de Correo TV, Área Audiovisual Corporación Voz de Galicia, Localia, Tecnocom e Vitelsa, todas elas empresas asociadas ao CLAG, van asistir “en misión empresarial” ao I Congreso Español de Televisión Dixital Autonómica e Local, que terá lugar en Málaga do 8 ao 10 deste mes de abril, e que coincide no tempo co Festival de Cine da mesma cidade.
O presidente do Clúster, Antón Reixa, vai encabezar esta expedición galega ao evento que organiza a Asociación Española de Televisións Dixitais Privadas Autonómicas e Locais, ASODAL, e que reúne aos principais axentes do sector audiovisual nacional.
As xornadas xirarán arredor dunha serie de actividades, relatorios e mesas redondas que se desenvolverán a bordo do barco Vision Athena, unha nave que estará amarrada no peirao do Porto de Málaga durante eses días.
Esta acción, dirixida ás empresas asociadas ligadas a un proceso de desenvolvemento da TDT, obedece ao interese do CLAG por ofrecer ao sector audiovisual galego as posibilidades de explorar as expectativas “nun intre crucial para a televisión dixital”, e enmárcase no plan de difusión do Clúster co que persegue consolidar a presenza das empresas nos principais foros especializados sobre aspectos estratéxicos da industria.
Asemade, o congreso será unha oportunidade para analizar algúns dos asuntos máis relevantes para os profesionais do sector, como o modelo de televisión pública e a súa financiamento, o proceso de dixitalización do sinal, a adopción por parte das autoridades competentes dunha postura firme fronte ás emisoras piratas ou a creación das Televisións de Proximidade, na Lei de Medidas de Pulo da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE