Mancomun.org informa dun crecemento «espectacular» do software libre nas empresas galegas

venres, 7 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

A plataforma mancomun.org vén de examinar a fondo a situación do software libre en Galiza nos concellos, centros de ensino non universitario, empresas (pequenas e medianas en xeral) e empresas de base tecnolóxica. Os resultados do exame, que xa podemos ver nun documento PDF, amosan un crecemento xeneralizado da súa presenza, especialmente «espectacular» no eido da PEME galega, onde se duplicou o seu uso. O informe, levado a cabo polo Observatorio de Software Libre –máis concretamente por Francisco Javier Rial-, tamén subministra datos positivos sobre o estado de saúde da informática aberta no ámbito educativo, onde subiu dun 20% a un 65% en apenas dous anos.
A xuízo do Observatorio, un dos datos que máis se debe ter en conta é a introdución do software libre en todos os sectores, deixando de ser unha proposta de deseño e uso limitado ó espazo empresarial. Mais é precisamente neste eido, o do tecido económico, onde foi detectado outro dos fenómenos máis salientables, tanto máis se temos en conta que se produciu nun período de pouco máis de dous anos (foi en 2005 cando se realizou unha primeira fase do estudo). Falamos da normalización no uso de software libre entre as empresas que máis afeitas están ó trato coas redes e a informática: as de 40 a 249 empregados, onde se pasou dunha taxa de presenza de informática aberta do 10% a un 40%. A principal vantaxe deste dato reside no labor normalizador que se desprende, precisamente, desa normalización. Dito doutro xeito, certifícase dese xeito un proceso: o software libre só pode medrar a partir de agora.
Segundo apunta o Observatorio, as aplicacións máis empregadas son as de ofimática e as vinculadas a Internet (navegador, xestor de correo electrónico e xestores de contidos). Coinciden estas, din os responsables do estudo, cos programas que foron localizadas ao galego e promovidas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través de mancomun.org, até o intre de levar a cabo este estudo. Por certo que os provedores dunha boa parte do software libre que se usa en Galiza son galegos, polo que tamén se dinamiza o sector vinculado ás novas tecnoloxías.
É dicir: xérase riqueza propia.

PUBLICIDADE