Vodafone comercializa unha alternativa ó ADSL mediante tecnoloxía 3G

mércores, 15 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os responsables da filial española de Vodafone presentaron os seus resultados económicos do primeiro semestre do seu exercicio fiscal (que rematou o 30 de setembro) destacando o crecemento do sector da telefonía móbil de terceira xeración.
Aínda que as chamadas de voz seguen a ser o principal servizo da compañía, os servizos baseados en tecnoloxía 3G están cobrando moita importancia grazas ó pulo dos servizos de datos.
Esta información vén a xustificar o recente lanzamento do servizo Navega y Habla, que é a alternativa ó ADSL que presenta Vodafone, de xeito que, sen contar cunha liña de telefonía fixa, os usuarios poden conectar ó seu ordenador un módem Mobile Connect USB que lles permite acceder á Rede dende case calquera lugar por 49 euros/mes (incluíndo chamadas de voz de balde a calquera teléfono fixo dende o móbil Vodafone, cun tope de 1.000 minutos/mes).
O servizo de datos emprega tecnoloxía de banda larga HSDPA que permite unha velocidade de ata 3,6 Mbps, o que superaría á meirande parte das conexións ADSL do mercado, polo que supón unha opción moi interesante para os usuarios que queiran contar cun acceso á Rede realmente móbil.
As tarifas de Navega y Habla son realmente innovadoras, pois por 49 euros/mes permiten unha conexión a 1 Mbps cun límite de 1 Gb de transferencia/mes tralo que a velocidade pasaría a ser de 128 Kbps, pero que no caso da Tarifa Plana 3G Premium resulta aínda máis impresionante, xa que prometen unha conexión de 3,6 Mbps que aínda que nun principio tería un límite de descarga de 5 Gb, non limitaría a velocidade de acceso unha vez superada tal transferencia de datos.

PUBLICIDADE