A oposición ó canon dixital chega á web electoral do PSOE

venres, 28 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A polémica sobre o canon dixital resístese a deixar a actualidade informativa e trala súa ratificación por parte do Congreso dos Deputados, agora son as webs dos partidos políticos as que serven para avivar o debate. Así, mentres o PP se posiciona en contra da taxa en memorias USB, reprodutores de MP3 e outros dispositivos, o PSOE ten que defendela na súa web electoral La mirada positiva, dende a que aceptan propostas por parte de cidadáns, coma un tal bugmenot, que propón a eliminación do canon e xa recibiu 767 votos en apoio.
A proposta na web do PSOE recibiu unha reposta argumentada, recoñecéndose que «a fórmula do canon poida ser en teoría imperfecta» pero sostendo que ata o momento é a solución máis eficaz que coñecen para dar solucións ás necesidades de creadores e usuarios, o que parece non convencer ós que se opoñen á taxa que consideran abusiva e desproporcionada, o que queda de relevancia entre outras cousas pola proliferación do banner da Asociación de Internautas co lema «con Z de ZGAE» que aparece xa en milleiros de webs.

PUBLICIDADE